No proxecto de Lei de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de
Galicia para o ano 2014, presentado pola Xunta de Galicia, e en concreto na
Disposición Adicional 21ª, Dous, preténdese a revisión do canon unitario de
tratamento por tonelada de lixo, a percibir pola Sociedade Galega de Medio
Ambiente, pasando este a alcanzar un importe de 74,64 €/Tonelada métrica
tratada, mais IVE.
Na actualidade o importe
que abonan os 296 concellos galegos, que utilizan os servizos de SOGAMA, é de
55,91 €/Tonelada métrica tratada, mais IVE, co cal, de aprobarse
definitivamente a pretensión da Xunta de Galicia, o canon se incrementaría nun
33,5%.
Xustifica a Xunta este
desmedido incremento na caída das primas estatais que percibe SOGAMA pola
valorización enerxética dos residuos (incineración de lixo), caída que ten a
súa orixe nunha decisión do Goberno Rajoy.
O certo é que, analizando
as contas que se recollen no proxecto orzamentario autonómico para o próximo
ano, SOGAMA, co novo canon, pasaría de ter perdas no exercicio de 2013 a ter uns beneficios no
2014 de 6.624.160€, despois de impostos.
Non resulta comprensible,
nin aceptable que unha sociedade do sector público autonómico galego como
SOGAMA, adscrita á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e
Infraestruturas, na que a Xunta de
Galicia ten o 51% do capital social, se plantee, nos tempos de crise que estamos a sufrir, a prestación dun
servizo público, con afán recadatorio, toda vez que o fin da suba non é o de
conseguir a simple cobertura de costos
do servizo, senón tamén o de xerar uns inxustificados beneficios, beneficios
que serían directamente detraídos dos xa moi empobrecidos petos dos cidadáns.
É de todos coñecido que a
práctica totalidade dos concellos están a sufrir unha importante diminución dos
seus ingresos, atopándose nunha situación moi delicada que lles ten obrigado a
deixar de prestar ós seus veciños algúns servizos moi necesarios. De levarse a
cabo este incremento que pretende a Xunta a penuria do municipalismo galego
será moitísimo maior.
A Xunta de Galicia, en vez
de demandar compensacións ó Goberno central polos recortes que sufrirá SOGAMA
nas primas pola coxeneración eléctrica, opta pola solución socialmente mais
inxusta: incrementar o canon, obrigando ós Concellos a subir as taxas que
deberán abonar os seus veciños pola recollida do lixo.
Resulta insultante a
carencia da mais mínima sensibilidade social da que da mostra a Xunta de
Galicia do Partido Popular nun asunto como este. Gobernando baixo a fórmula do
“ordeno e mando” da as costas ós galegos e castiga dun xeito inmisericorde os
seus intereses.
Os Socialistas apostamos
por afrontar esta situación dende o diálogo e o respecto institucional entre os
poderes locais, representados na FEGAMP,
e o poder autonómico, e demandamos da Sociedade Galega de Medio Ambiente
ter cumprido coñecemento da realidade da súa xestión económico financeira e
organizativa, así como dos parámetros de eficiencia medio ambiental e ecolóxica
que alcanza no tratamento dos residuos que se lle confían.
Diante desta situación, propoño ó pleno desta Corporación a adopción dos
seguintes,
ACORDOS:
1º. Demandar ó Presidente da
Xunta de Galicia a urxente retirada da proposta de incremento do canon por
tratamento de residuos, recollida na Disposición Adicional 21ª, Dous, do
proxecto de Lei de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o
ano 2014.
2º. Demandar ó Presidente da
Xunta de Galicia e ó Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias
a creación e posta en marcha dunha mesa de negociación, na que, coa presenza e
colaboración de SOGAMA, se estuden os custos reais do tratamento de residuos
dos concellos.
3º. Dirixirse a todos os Grupos
políticos, con representación no Parlamento de Galicia, a fin de que requiran
da Xunta de Galicia a realización dunha auditoría externa (económico
financeira, recursos humanos, produción, medio ambiental, etc.) da Sociedade
Galega de Medio Ambiente, dándose traslado dos seus resultados á totalidade dos
concellos que utilicen seus servizos.
No hay comentarios :
Publicar un comentario
¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.