28 junio 2018

MOCIÓN POLA SUPRESIÓN DE INFORMACIÓN LOCAL E CULTURAL NA RADIO GALEGA.


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Desde o ano 1978 o artigo 20 da Constitución Española xa recoñece como fundamental o dereito dos cidadáns “a recibiren libremente información veraz por calquera medio de difusión”, así como “o acceso dos grupos sociais e políticos significativos” aos diferentes medios de comunicación dependentes das administracións públicas, “respectando o pluralismo da sociedade e das diversas linguas de España”.
Pola súa banda, partindo do disposto no artigo 34.3 do Estatuto de Autonomía para Galicia, que establece que “a Comunidade Autónoma pode regular, crear e manter a súa propia televisión, radio e prensa”, a Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia, indica no seu artigo 4 que son, entre outros, principios da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. (CRTVG) “a promoción e difusión da cultura e lingua galegas, así como a defensa da identidade de Galicia”, “o reflexo do pluralismo ideolóxico, político, cultural e social de Galicia” ou “a garantía da máxima continuidade na prestación do servizo e a plena cobertura do conxunto do territorio”.
A maiores, o artigo 8 sinala que “a Corporación RTVG deberá contar coa estrutura suficiente e necesaria para asegurar o cumprimento da misión de servizo público encomendada e para facilitar a provisión de contidos territoriais na súa programación” e un bo número de apartados da mesma lei subliñan o papel estratéxico que a Radio e Televisión de Galicia teñen na defensa e promoción da cultura do país.
Desde que no ano 1985 a Radio Galega e máis a Televisión de Galicia comezasen as súas emisións, é obvio que cumpriron unha misión importantísima na cobertura informativa de Galicia, así como na promoción da lingua e da cultura propias, grazas fundamentalmente á profesionalidade dos seus traballadores/as, entre os que que se atopan algúns dos profesionais máis recoñecidos, tanto no eido xornalístico como técnico. Agora ben, tamén foron obvios desde o inicio dos gobernos de Manuel Fraga, os intentos do Partido Popular por manipular, disfrazar de información a pura propaganda política e reducir o acceso aos medios públicos de Galicia de colectivos non afíns ideoloxicamente.
Trala modernización e apertura cara ao pluralismo, a profesionalización e a independencia informativa vividas durante os anos nos que o PSdeG, co Presidente Emilio Pérez Touriño, estivo á fronte da Xunta de Galicia, a chegada de Alberto Núñez Feijóo á Presidencia do Goberno Galego supuxo o inicio do período máis escuro para a nosa radio e televisión públicas. Incrementou ata a máxima expresión, como teñen denunciado en múltiples ocasións os traballadores e as traballadoras, a manipulación e o sectarismo dos Gobernos de Fraga, barrendo xa das ondas dos medios públicos calquera nota ideolóxica discordante e, fronte ao feito polos anteriores gobernos dun e doutro signo, iniciando un paulatino, pero constante proceso de desmantelamento da Radio Galega e a Televisión de Galicia.
Ademais da renuncia case absoluta á produción propia, o que na práctica significa unha privatización encuberta dos medios públicos, e dos constantes e irracionais recortes orzamentarios, que teñen minorado notablemente a calidade da súa programación e, polo tanto, tamén a audiencia, o Goberno de Feijóo atacou desde un primeiro momento ao máis básico da RTVG, a información local e cultural, dúas das súas principais razóns de ser, recoñecidas incluso legalmente e, por riba, dúas da súas principais vantaxes comparativas cos medios privados, ofrecendo un servizo público que outros medios, por rendibilidade, non poden ofrecer.
O primeiro ataque de Feijóo foi dirixido en 2010 contra a Televisión de Galicia, cando decidiu pechar a metade das delegacións territoriais da canle (Pontevedra, Ferrol, Burela, Porto e Bruxelas) e deixar de emitir os informativos locais, que, xunto cos Telexornais de ámbito autonómico, daban sentido á razón de ser da televisión pública.
Nos últimos 8 anos tan só sobreviviu a información local propiamente dita na Radio Galega, obxecto precisamente do novo ataque do Partido Popular, pois, como teñen denunciado os propios traballadores/as e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, camuflado nun cambio de programación, a dirección da CRTVG decidiu suprimir as desconexións locais da Radio e, de paso, eliminar como espazo propio o programa que desde hai case 30 anos era referente da cultura do país, o Diario Cultural.
Unha decisión que só se pode entender desde unha dobre intención partidista do Partido Popular, desmantelar progresivamente os medios públicos de Galicia e, a un ano das próximas eleccións municipais, controlar ao máximo a información emitida e reducir os micrófonos e espazos aos que podan chegar voces contrarias ao Goberno de Núñez Feijóo. So así se pode entender unha decisión deste tipo, máis cando todos os estudos sobre o futuro do xornalismo apuntan a un reforzamento da información local, incluso como estratexia de negocio rendible, pola que están a apostar xa os medios privados máis potentes, con proxectos enriba da mesa sobre a chamada información hiperlocal.

Polo tanto, por todo o sinalado anteriormente, en solidariedade cos traballadores e traballadoras da CRTVG e desde o compromiso inquebrantable do Partido Socialista cuns medios públicos galegos de calidade, independentes e entendidos como servizo público, o grupo municipal do PSdeG-PSOE presenta a seguinte:  

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN

A Corporación Municipal de Arteixo acorda:

1.      Esixir da Xunta de Galicia e da Dirección da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. o mantemento das desconexións locais nos informativos da Radio Galega, como fórmula imprescindible para proporcionar un axeitado servizo público e plural no que á cobertura informativa do país se refire.

2.      Garantir o mantemento dos postos de traballo nas redaccións e delegacións da Radio e Televisión de Galicia actualmente existentes.

3.      Censurar a redución da programación cultural específica na Radio Galega e, nomeadamente, a supresión como espazo propio do Diario Cultural, esixindo o seu mantemento en antena, como mínimo, co mesmo formato que tiña ata agora.

  

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.