Ante as informacións aparecidas nos medios de comunicación por parte de cidadáns que participaron no procedemento de selección por vía dun concurso oposición de condutores para o servizo de recollida do lixo, que reclaman irregularidades no proceso, o Grupo Municipal Socialista solicitou o acceso ao expediente existente en dito Concello.
Partindo dunha suposta reversión non argumentada dun servizo de prestación obrigatoria para os concellos e unha creación de prazas informada negativamente polo xurista e interventora municipal en Arteixo na RPT levada a pleno no mes de Marzo de 2018, por ser contraria a lei. O procedemento establecido para unha selección temporal, que entendemos que segundo o servizo ao que afecta debera de ser indefinida, distaba moito dun proceso que establecese un modelo de igualdade de oportunidades entre os posibles aspirantes e fíxose dun xeito opaco, sen información de cómo se ían a facer e valorar as probas escritas e prácticas.
Aparecen no proceso de selección cuestións que o grupo de goberno debera explicar, como o sistema de puntuación no que se baseaba nunha puntuación de 5 en 5 puntos e cun resultado final no que aparecen resultados decimais, ¿como non se lles permite acceso aos examinados a visualizar o resultado das súas probas?, ¿por que non se permitiu estar presentes aos examinados no momento da celebración das probas a outros aspirantes?, ¿como se pode facer un exame oral de galego aos aspirantes e non ter a proba gravada para poder realizar reclamacións?, ¿estaba o tribunal composto por persoas válidas segundo as bases e a lexislación?
Existen moitos interrogantes que deixan en mal lugar a unha administración como a local de Arteixo, que está máis presente nos medios de comunicación e nas bocas dos veciños por temas vinculados a irregularidades que por poñer en valor un Concello que destaca por unha masa social dinámica e de futuro, polo que o Grupo Municipal Socialista avaliara este procedemento e pedirá explicacións ao grupo de goberno nun proceso de municipalización dun servizo esencial como a recollida do lixo que é unha auténtica chapuza.
No hay comentarios :
Publicar un comentario
¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.