26 enero 2019

O PSOE DE ARTEIXO BUSCA O RESPALDO DA CORPORACIÓN PARA EXIXIR Á XUNTA QUE INCREMENTE O PERSOAL SANITARIO NOS CENTROS DE SAÚDE


A agrupación local levarán por asuntos de urxencia unha moción para instar a Sanidade a mellorar os servizos de Arteixo

Por vía de urxencia, o Grupo Socialista pedirá de novo ao Goberno a rebaixa do IBI rústico

Presentarán sendas mocións para a reapertura de Radio Arteixo e de compromiso contra a violencia de xénero



Arteixo, sabado, 26 de xaneiro.-

“Os cupos no servizo de Pediatría de Arteixo son insufribles. Hai dúas prazas de médicos sen cubrir e o servizo de Urxencias só conta cun médico con apoio só nas fins de semana nun concello de 30.000 habitantes. A situación é insostible e por iso levamos unha moción por vía de urxencia ao pleno de xaneiro de Arteixo”, explica Martín Seco, voceiro do grupo do PSdG-PSOE de Arteixo.

Nesta moción, o grupo local busca o respaldo de toda a corporación para exixir á Xunta o incremento do persoal e a mellora dos servizos sanitarios nos distintos centros de saúde do municipio. “O servizo de Fisioterapia acumula decenas de meses de retraso e a axenda de Odontoloxía leva pechada desde o verán”, só por citar dous exemplos, engade Seco. 

En concreto, os socialista de Arteixo queren que a Xunta asuma a titularidade do centro de saúde de Arteixo e sufrague os arranxos necesarios para garantir as condicións necesarias para unha correcta atención sanitaria. Ademais, queren que aumente o número de profesionais do servizo de Urxencias que se contraten a substitutos facultativos de medicina xeral e de atención pediátrica, para poder manter o número de profesionais activos no centro de saúde segundo está planificado.

Redución do IBI

Tamén por vía de urxencia, o grupo socialista exixirá ao Goberno local unha rebaixa do IBI. “Nos derradeiros anos temos asistido a unha subida descomunal dos recibos da contribución para as familias de Arteixo”, expón Seco.

Por elo, queremos que o Concello de Arteixo modifique a Ordenanza Fiscal número 1 nos seguintes termos: baixar o tipo de gravame aplicable aos bens inmobles de carácter rústico ao 0,4 por cento  e establecer unha bonificación para as familias numerosas atendendo a unha serie de requisitos como os valores catastrais dos seus bens inmobles ou a renda familiar.

Radio Arteixo
O PSOE levará ao pleno ordinario de xaneiro unha moción para que Radio Arteixo volva ás ondas cunha proposta que abrangue a tradicional radio analóxica, así como unha aposta pola dixitalización do servizo.

“Para os socialistas, as radios municipais son instrumentos de cohesión, de información e de participación que facilita a comunicación entre a administración municipal e os veciños, ademais de poñer en contacto á veciñanza entre si”, afirma o voceiro do PSDG-PSOE do grupo de Arteixo.

“Queremos que se retome o Consello de Administración da Radio Municipal co nomeamento dos seus membros para empezar a planificar a reapertura en analóxico de Radio Arteixo”, expón Seco. O socialista engade que, o seguinte paso será encadrar na páxina web do Concello a publicación da programación a través de podcast.

De maneira paralela, exíxese que o Goberno local realice os trámites necesarios para solicitar os permisos de apertura e a dotación de frecuencia ás autoridades competentes. Habilitar partida orzamentaria que cubra os gastos derivados dos traballos previos para a posta en marcha da emisora e que se realice o deseño da plataforma dixital que complemente as emisións en analóxico.


Violencia de xénero

O pasado 15 de xaneiro os movementos feministas volveron a saír á rúa baixo o lema de “ni un paso atrás en igualdade”, ante os últimos pactos de goberno e os movementos políticos que cuestionan a gravidade da violencia de xénero, “o problema máis grave que sofre actualmente a sociedade española e galega, que ten o seu caldo de cultivo nunha cultura e educación profundamente antidemocrática e que parte da idea da superioridade do home sobre a muller”, recorda Seco.

Con esta moción o grupo socialista quere que a corporación manifeste a súa repulsa a todas as manifestacións da devandita violencia, o seu compromiso  coas vítimas e declarar “tolerancia cero” cos maltratadores.

Insta á corporación a que exprese o seu rexeitamento a calquera posicionamento político que propugne a eliminación ou minoración das medidas de protección das mulleres fronte á violencia machista, ademais de rexeitar a adopción de calquera tipo de acordo, explícito ou implícito con formacións que expoñen a supresión ou redución das medidas de protección das mulleres, dando así cobertura a política irresponsables que levan un altísimo risco de agravar o problema.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.