28 enero 2019

O PSOE de Arteixo trasladará ao Goberno local as queixas dos veciños e veciñas que están a recibir nun mesmo mes dous recibos do servizo de auga

O grupo socialista explica que a “mala xestión do PP” está a provocar que se envíen varias destas facturas á vez 


“Moitas familias non poden facer fronte a dous recibos de auga no mesmo mes e, por iso, solicitaremos que se dean facilidades de pago”, expón Martín Seco, voceiro do grupo local 




“Son moitas as veciñas e veciños de Arteixo que nos trasladaron o seu malestar por ter que pagar nun mesmo mes dous recibos de auga”, expón Martín Seco, voceiro do PSdG-PSOE de Arteixo. Unhas queixas que o grupo socialista trasladará ao Goberno local no próximo pleno, para exixir que se dea unha solución e faciliten o pago destas facturas.

Seco fai fincapé en que “moitas familias non poden facer fronte a dous recibos de auga no mesmo mes, sobre todo se coincide coa factura do lixo e, por iso, solicitaremos no pleno que se dean facilidades ás persoas afectadas”.

Para o grupo socialista os únicos responsables desta situación é o goberno do PP e a “mala xestión” que están a realizar en servizos esenciais como son a auga e o lixo, e que deriva nun “colapso absoluto” do departamento.

Ademais, os socialistas explican que os recibos están a chegar ás casas nun sobre en branco, sen ningún tipo de identificación municipal, o que pode provocar a confusión da veciñanza e que desboten sen querer o recibo.

“Mentres tratan de normalizar os servizos e solucionar un problema que provocou o propio Goberno local do PP, esperamos que, polo menos, fraccionen os pagos acumulados para prexudicar o menos posible aos veciños e veciñas de Arteixo”, conclúe o voceiro socialista.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.