04 mayo 2019

“Arteixo goza dunha fabulosa actividade cultural e a Casa das Artes permitirá aos distintos colectivos ter espazos axeitados”


A proposta socialista inclúe a creación dunha  Escola de Danza e a posta en marcha de locais de ensaio para “ás formacións musicais en xeral, pero sobre todo para ás mozas e mozos que están a empezar”, explicou Martín Seco

“Arteixo goza dunha fabulosa actividade cultura entre a súa cidadanía: artes escénicas, ilustración, danza, música, obra literario... Pero isto non ten reflexo nas instalacións públicas. Para dar o espazo necesario e a visibilidade que se merecen as asociacións culturais do concello, propoñemos a Casa das Artes” que permitirá liberar espazo do centro cívico e poñer en marcha novas iniciativas culturais en Arteixo, explicou durante a presentación do proxecto Martín Seco, candidato á Alcaldía de Arteixo polo PSdG-PSOE.

O novo edificio contará con locais de ensaio para as formacións musicais do concello “sobre todo ás compostas por mozas e mozos que están a empezar”, e que disporán dun estudo de gravación para sacar adiante os seus proxectos musicais.

A Escola Municipal de Música cada ano conta con máis solicitudes de admisión, pero non pode medrar porque o centro cívico está colapsado. “Queremos, dunha vez por todas, dar unha solución a este problema e habilitar un espazo específico para a EMMA e para a banda municipal de música de Arteixo na Casa das Artes”, indicou Seco. Desta maneira o centro cívico pode destinarse ás actividades literarias, escénicas e expositivas coa creación dunha sala de estudo, unha biblioteca infantil “tan reclamada polos usuarios e usuarias”, clube de lectura ou aulas específicas para as asociacións teatrais do concello.

A Casa das Artes permitiría poñer en marcha “novas iniciativas municipais como a Escola de Danza, reclamada polo tecido cultural do concello”, apuntou o candidato socialista.

O inmoble, ademais, permitiría a integración urbanística da poboación da Travesía de Arteixo no centro do núcleo urbano e fomentaría a actividade comercial e hostaleira. Tamén está previsto un aparcadoiro nas inmediacións da Casa das Artes, o que resolvería o problema do aparcamento na zona a determinadas horas.



En definitiva, a Casa das Artes suporía:

  • -       Ampliación da Escola Municipal de Música en espazo, contidos e horarios
  • -       Ofrecer un espazo axeitado á Banda de Música Santiago de Arteixo
  • -       Creación da Escola de Danza
  • -       Espazo para asociacións culturais do municipio
  • -       Locais de ensaio e gravación para grupos de música locais

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.