04 mayo 2019

“Construír unha residencia de maiores e unha ludoteca en Pastoriza favorecerá a conciliación das familias”


O PSdG-PSOE propón aproveitar a orografía de Pastoriza para crear un parque de xogos na natureza


A proposta complétase cunha serie de medidas que melloran a seguridade viaria e dos peóns



O PSdG-PSOE propón que a segunda residencia de maiores do municipio estea en Pastoriza. Xunto a ela, unha ludoteca para “favorecer a conciliación da vida laboral e familiar dos veciños e veciñas da parroquia”, explica Martín Seco, candidato á Alcaldía de Arteixo. Esta actuación desenvolveríase na Área de Reparto.

Outras das iniciativas que o PSdG-PSOE quere desenvolver neste núcleo é un parque de xogos na natureza. “Trátase de aproveitar os desniveis existentes para crear un parque urbano, un espazo de ocio deportivo” no que os nenos e nenas contarán con sendeiros de distinta pendente, tirolinas ou un rocódromo. “Ademais de ofrecer aos rapaces e rapazas unha forma diferentes de ocio, este parque permitirá mitigar o impacto do construído e protexerá dos ventos nunha orientación sur”, indica Seco.


A actuación proposta polos socialistas inclúe unha serie de medidas que melloren a seguridade viaria. Entre estas iniciativas atópase a conexión entre as dúas áreas máis poboadas de Pastoriza a través dunha serie de actuacións nas rúas de Jacques Cousteau e a Rúa Rexidoiro, que “son as que presentan máis posibilidades de mellora”.

Co obxectivo de mellorar a circulación, o PSdG-PSOE propón a construción dunha nova vía de remate e que conectaría as rúas que na actualidade non teñen saída: Antonio Machado, García Lorca e Bordeiras, mediante unha modificación puntual das normas subsidiarias.

“Mentres no teñamos plan xeral, será necesario realizar actuacións puntuais como esta que melloren a calidade de vida dos veciños e veciñas. Ao tempo que quedarían recollidas no documento urbanístico no que se planificaría a medio e longo prazo as dotacións e servizos necesarios para o futuro de Arteixo”, subliña Seco.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.