04 mayo 2019

O PSdeG-PSOE propón transformar a avenida Arsenio Iglesias nun boulevard polo que “sexa agradable pasear”

+
Reorganizaríase o tráfico para manter na avenida a circulación a 30km/h,
pero nun único sentido

Na zona crearíase un aparcamento, con zona de autocaravanas,
e a primeira área canina do concello

Na avenida Arsenio Iglesias concéntranse varios centros educativos, instalacións deportivas, supermercados, o centro de formación, o centro tecnolóxico, etc. Todos estes servizos fai que sexa unha vía moi frecuentada polas veciñas e veciños, pero non resulta cómoda para andar. Para corrixir esta situación, os socialistas de Arteixo propoñemos transformar a avenida nun boulevard polo que “sexa agradable pasear”, ao tempo que se dota de novos servizos para a veciñanza.




Cabe destacar que non se prohibiría o tráfico na avenida, senón que se reorganizaría a circulación, de tal xeito que Arsenio Iglesias pasaría a ser dun único sentido. Manteríase a velocidade máxima de 30km/h e estableceríanse prazas de aparcamento temporais para transporte escolar e de persoas con capacidades diferentes.

Ampliaríanse as zonas verdes, e para paliar o descenso de prazas de aparcamento, crearíase un aparcadoiro na parcela que está en fronte ao instituto IES de Sabón, e que na actualidade está sen uso. Esta área contaría ademais cunha zona exclusiva para autocaravanas dada a proximidade coas praias.

Ademais, no contorno deste aparcamento crearíase a primeira área canina do concello. Unha zona para que os cans poidan estar soltos e na que se instalaría equipamento agility. “Queremos comezar por Arteixo e ir dotando as zonas urbanas deste tipo de áreas para as mascotas”, explica Martín Seco, candidato do PSdG-PSOE á Alcaldía de Arteixo.

A actuación complementaríase coa construción de beirarrúas arredor de toda a mazá de servizos e continuaría en dirección a Ponte dos Brozos, pasando polas parcelas adquiridas por Inditex, a de Obras e Protección Civil e a de Gundín.

“O obxectivo que temos os socialistas é actuar nos núcleos urbanos do municipio para que sexan contornos agradables para a veciñanza, cun aumento de zonas verdes e espazos de esparexemento”, conclúe Seco.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.