12 mayo 2019

“Queremos un Arteixo máis competitivo, con máis emprego e máis eficaz na súa xestión” - Municipais #26M





Os socialistas inclúen no seu programa electoral unha serie de medidas para que favorecen a creación de postos de traballo dignos



“Arteixo é un municipio cun potencial incrible e os socialistas queremos poñer en marcha unha serie de medidas que fagan crecer e prosperar ao noso concello. Isto tradúcese en máis servizos, máis oportunidades e máis emprego para a cidadanía”, afirma Martín Seco, candidato á Alcaldía de Arteixo polo PSdeG-PSOE.

Entre estas propostas destaca a Empresa de Servizos que integre a xestión da auga, recollida de residuos, limpeza e mantemento. Ademais de mellorar a eficacia do día a día, implicaría un incremento dos postos de traballo que se cubrirían desde unha bolsa de emprego local na que se “garanta a igualdade de oportunidades entre todos e todas as veciñas de Arteixo”.

Para loitar contra o desemprego, os socialistas propoñen a creación dunha Axencia Local de Promoción Económica que terá como principal obxectivo fomentar o emprego mellorando a bolsa de traballo e ofertando unha formación adecuada as necesidades das empresas e as TIC. “Falaremos co tecido empresarial para firmar convenios en busca de que a xuventude logre o seu primeiro emprego”.

Nesta liña, os socialistas queren poñer en marcha un viveiro de empresas e unha serie de axudas destinadas a autónomos e pequenas empresas.

“Os socialistas temos como máxima poñer no centro ás persoas e facer políticas que beneficien a toda a veciñanza por igual”, incide Seco, para explicar que outra das medidas que propoñen os socialistas de Arteixo é a posta en marcha dun Centro Especial de Emprego para persoas con capacidades diferentes.

“Aínda que o noso obxectivo e planificar as diferentes dotacións nun plan xeral, teremos que ir avanzando nalgunhas cuestións, como a construción dunha Praza de Abastos”, afirma Seco. No mesmo apartado inclúen darlle un impulso ao Feirón de Arteixo e estudar a posibilidade de poñer en marcha un mercadiño de segunda man.

Coa intención de poñer en valor o litoral e o mundo rural, o PSdeG-PSOE aposta por redactar un Plan de Turismo Sostible en colaboración coa veciñanza e os emprendedores destas parroquias.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.