02 julio 2019

Calvelo aumenta o seu salario, e ao máximo permitido o número de asesores e dedicacións exclusivas

Fuente: Cadena Ser

O grupo municipal socialista mostra a súa decepción pola falla de compromiso do PP para dotar a Arteixo de máis capacidade de xestión, algo evidente no derradeiro mandato, e por non favorecer neste a participación da cidadanía e a transparencia.

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Arteixo entende que Arteixo é un Concello que necesita dunha xestión eficaz e da participación da cidadanía e da oposición para dotar aos nosos veciños dos servizos e as infraestruturas necesarias. Nas reunións mantidas co Goberno Local transmitímoslles a necesidade de abrir o concello aos cidadáns, e de solucionar os déficits de xestión en numerosas áreas de goberno neste derradeiro mandato. Somos coñecedores de que os servidores públicos que ocupan o seu tempo en atender as necesidades dos veciños deben recibir unha contraprestación económica por esa dedicación, pero en ningún caso a administración local debe ser a axencia de colocación do Partido Popular.

Chegamos ao Pleno de Organización do Concello cunha proposta onde non se recolle a necesidade desta apertura, coa celebración dos plenos ás 9:30 da mañá, cun número de comisións informativas ínfimo, sen que habiliten novas formas de participación, nun concello que levamos anos sen celebrar un Consello Veciñal e onde o Consello Sectorial nunca se reuniu, e delegando o máximo posible na Xunta de Goberno e Alcaldía.

Por outra banda, vemos como o alcalde sube o seu salario, aumenta ata 10 o número de dedicacións exclusivas -incluso a concelleiros que evidenciaron unha falla absoluta de capacidade de xestión- e co número máximo de asesores que permite a lei -7-, tendo a impresión de que na maioría dos casos serán adxudicados polo seu apelido, e non para asesorar a un concello que ten mermas importantes nalgúns dos departamentos. Auméntase a asistencia ás Xuntas de Goberno Local de 200 a 400 euros, e aínda que a lei pide que a Mesa de Contratación sexa un órgano técnico, o PP segue utilizando esta mesa como mecanismo salarial para os dous concelleiros que quedan sen dedicación exclusiva -que incluso poderían rematar cobrando máis que os seus compañeiros, ademais do salario que perciben nas súas empresas-. Fagan o cálculo: sumen 1 pleno, 2 comisións, 3 xuntas de goberno e 2 mesas de contratación. Nunha situación normal, poderían estar cobrando en dietas uns 1,900 euros ao mes.

A oposición nesas circunstancias segue sen ter a ningún dos seus membros con dedicación exclusiva ou parcial para poder dedicarlle o tempo necesario á súa labor constitucional, aínda que o Grupo Municipal Socialista lle solicitou ao goberno local que estudase esa posibilidade para poder atender con mellor calidade aos case que 4.000 veciños que nos deron o seu apoio nas eleccións de maio.

No Grupo Municipal Socialista de Arteixo creemos que o noso concello se merece que os cargos públicos xestionemos con profesionalidade, austeridade e dedicación aos seus intereses, e non cun suculento salario como premio á ineficacia na xestión.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.