24 septiembre 2019

MOCIÓN sobre a política do Goberno galego en relación ao comezo do curso escolar


En Arteixo, cun número importante de cidadáns en período escolar, temos que sufrir o día a día dos recortes dos 11 anos de goberno de Feijóo na Xunta de Galicia:

Colexios saturados con casos de máis de 25 alumnos por aula, sete liñas en algún curso de primaria do CEIP Ponte dos Brozos, cun desbordamento da infraestructura do colexio máis grande de Galicia e polo tanto a inutilización de espazos que deberían de ter outro contido, insuficiencia de máis profesionais de apoio e técnicos para os rapaces con máis necesidade de atención, eliminación de liñas de bus, pago dos libros de texto para moitos pais e nais, a falla absoluta no compromiso de construción dun novo centro educativo, que está no limbo das promesas electorais. Unha oferta insuficiente e mal orientada no campo da Formación Profesional,  falla de compromiso co profesorado, que está en peores condicións docentes, con recortes nos seus dereitos laborais e na súa propia formación continua.

Necesitamos un Goberno autonómico que aposte por unha educación pública, gratuita e de calidade, polo que presentamos esta moción no Pleno de Setembro:

MOCIÓN sobre a política do Goberno galego en relación ao comezo do curso escolar

A educación pública é unha ferramenta fundamental para garantir a igualdade de oportunidades e para conquerir que calquera neno ou nena poida acadar un desenvolvemento pleno das súas potencialidades e, con iso, loitar por un futuro máis próspero. A educación é prioritaria tamén para acadar unha economía máis próspera e unha sociedade máis puxante. 

A aposta pola educación pública é fundamental para a xustiza social. A premisa de que nin o nivel de renda dunha familia nin o código postal determinen o futuro dos nosos nenos e das nosas nenas implica a necesidade de compromiso coa educación pública e co sistema público en conxunto, para que o futuro deses nenos dependa exclusivamente do seu esforzo e das súas capacidades.

Para iso, necesitamos unha educación pública de calidade, que se centre nos alumnos e nas alumnas, particularmente naqueles e naquelas con algún tipo de diversidade funcional; que aposte polos docentes e as docentes como piar básico do sistema e que persiga a excelencia e non a exclusión no seu funcionamento.

O goberno da Xunta de Galicia aplicou recortes e políticas que non melloran a calidade do sistema educativo en Galicia; recortes que, baixo unha falsa mensaxe de eficiencia e equidade, teñen fondas razóns ideolóxicas. Unha década de recortes educativos que se poden concretar:

- A Xunta de Galicia recortou o seu orzamento en educación na última década e inviste agora 180 millóns de euros menos en educación que hai dez anos
- Hoxe hai case 1500 mestres e profesores non universitarios menos que hai dez anos
- Peche de escolas e redución de unidades escolares
- Negativa da Xunta a recuperar a gratuidade universal dos libros de texto, implicando custes excesivos para moitas familias
- Insuficiencia de escolas infantís e suspenso pola falla de aposta pola universalización da escolarización de nenos  e nenas de 0 a 3 anos
- Falla de compromiso co profesorado, que está en peores condicións docentes, con recortes nos seus dereitos laborais e na súa propia formación continua
- Ausencia de política de país para garantir unha oferta educativa axeitada no medio rural 
- Negativa a implantar a gratuidade da primeira matrícula no sistema universitario galego
- Esquecemento e falta de apoio convencido a Formación Profesional. 


Polo anteriormente exposto, esta Corporación Local acorda:

1.- Rexeitar a política de recortes e desmantelamento da educación pública que está levando a cabo o goberno do PP na Xunta de Galicia, que provoca a perda de calidade no servizo público educativo e lesiona principios como os de igualdade de oportunidades, xustiza social e equidade.

2.- Instar á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a reverter de xeito inmediato os recortes levados a cabo e a apostar decididamente por un sistema educativo público, universal, gratuíto e de calidade.

3.- Remitir o acordo aos grupos do Parlamento de Galicia e á Xunta de Galicia para a súa toma en consideración. 

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.