13 septiembre 2019

“O Concelleiro responsable do servizo de limpeza viaria, mentiu deliberadamente no pleno do martes ante as preguntas do PSOE”


O Grupo Municipal Socialista observou durante o verán, como en moitos momentos o número de traballadores que estaban traballando no servizo non chegaba ao 60% do establecido no contrato




O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Arteixo fixo unha serie de preguntas ao Grupo de Goberno do PP no pleno ordinario, para confirmar o que todos os cidadáns de Arteixo poden observar nos derradeiros meses, unha caída significativa na calidade do servizo de limpeza viaria. Lonxe de recoñecer os problemas que estamos a ter coa empresa concesionaria, que accedeu ao contrato cunha oferta moi baixa e que xa ten máis de un expediente de sanción por parte do Concello de Arteixo, baixo a o mando do anterior concelleiro delegado, o Concelleiro encargado deste servizo contesta as preguntas do Grupo Socialista como se a responsabilidade de garantir o cumprimento do contrato non fose súa e a maiores alaba a resposta da empresa na solución de incidencias, dicindo que a empresa responde e soluciona o 100% destas.

Os socialistas fixemos un esforzo para localizar se o servizo se estaba realizando correctamente, atopándonos en moitas ocasións, cunha presencia de operarios moi inferior ao esixido no prego de condicións, seguimos sen saber se teñen todo o material establecido en dito prego e podemos observar como fai demasiado tempo que non se limpan as beirarrúas en moitas zonas do noso concello.

Onte atopámonos como nos medios de comunicación, os propios traballadores do servizo están preocupados polo comportamento da empresa concesionaria e sabemos que están a facer un esforzo sen os medios e o persoal suficiente para levar a cabo o traballo establecido por contrato. Esperamos que o Concelleiro faga o seu traballo, inspeccionando a calidade do servizo que están a facilitar, porque non é moi complexo localizar cales son os incumprimentos da empresa se hai interese en facelo e esixirlle á empresa que cumpra o establecido antes de proceder á apertura dun novo expediente.

“Durante a campaña electoral observamos un esforzo importante na limpeza viaria dos núcleos do noso concello, algo que curiosamente desapareceu ao día seguinte das eleccións, pero ter un concello limpo non é cousa de dous meses, hai que garantilo durante catro anos” expón o voceiro socialista, Martín Seco , que mostra a súa preocupación polas sinais de incapacidade do actual Grupo de Goberno do PP na xestión, despois da saída do anterior concelleiro de obras e servizos.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.