18 noviembre 2019

O PSOE esixe unha solución inmediata do incendio da planta de compostaxe de Figueroa


O Partido Socialista de Arteixo quere amosar publicamente a súa importante preocupación pola situación existente na planta de compostaxe de Figueroa dende o pasado 30 de outubro. Dende ese día –e van 19- unha das pilas de residuos da planta continúa en combustión interna, expulsando ao aire uns fumes cun importante olor e alto potencial contaminante.

Os veciños e traballadores da zona en particular –recordemos distancias a algúns puntos críticos: Figueroa (400m), IES de Sabón (600m), Campos de fútbol (750m), Piscina Municipal (950m), O Rañal, etc-, e do concello en xeral, levan moito tempo con problemas de olores e contaminación, preocupación por coñecer o que está ardendo en realidade e sorprendidos pola falta de actuacións e de solucións.

Os socialistas revisamos a pasada semana a licencia de actividade da planta, e estamos á espera de analizar en detalle os expedientes completos da autorización, con intención de comprobar que a actividade realizada se axusta á legalidade e permisos vixentes -unicamente poden realizar compostaxe de material vexetal, sen ningún tipo de carga química-.

Tanto o Concello de Arteixo como a Xunta de Galicia amosan a súa total incapacidade dende fai case 20 días, xa que se encontran totalmente paralizados ante a situación, sen tomar nin unha sola medida de protección da poboación e de solución do grave problema que leva sufrindo a veciñanza dende fai xa demasiados días. Esta situación preocupa excepcionalmente nun dos concellos máis industriais de Galicia, que debería contar con plans de protección civil á altura, capaces de xestionar este tipo de problemas. Por iso, esiximos unha solución inmediata ou, en caso contrario, un informe por escrito onde se certifique a total imposibilidade de extinguir o incendio.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.