25 junio 2020

A corporación aproba as mocións do PSdeG-PSOE relativas a melloras en educación



Os socialistas propoñen un plan para reducir a fenda dixital e reclaman unha serie de actuacións para garantir “unha educación de calidade nuns espazos de convivencia axeitados”

O PSOE vota a favor de eliminar as taxas das terrazas e do feirón durante este ano



A corporación de Arteixo apoiou no pleno as dúas propostas do grupo local do PSdeG-PSOE para melloras en educación. Os socialistas defenderon un Plan para Reducir a Fenda Dixital e de Aprendizaxe, así como esixir á Xunta as inversións necesarias no concello para cumprir coas ratios e distancia social establecidas polo Ministerio de Educación.

Deste xeito, o Concello de Arteixo instará á Xunta para levar a cabo un Plan para Reducir a Fenda Dixital e de Aprendizaxe. Os socialistas defenderon na súa moción que dito plan garantiría a equidade e calidade do sistema educativo, para elo, debería incluír, entre outros aspectos, o deseño e posta en marcha de programas educativos de radio e/ou TV que dean cobertura ao alumnado sen ordenador nin conexión. Acordos coas empresas de telecomunicacións e coa UNED para reducir ao máximo o custe de acceso aos recursos educativos online. Traballar en colaboración co Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital para que o Programa de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración (PEGA-NGA) que prevé axudas para as zonas onde non hai cobertura se implemente canto antes, propiciando que o 100% da poboación de España teña acceso a internet, entre outras propostas.

Do mesmo xeito, exixirá á Xunta as inversións necesarias no concello para cumprir coas ratios e distancia social establecidas polo Ministerio de Educación, e garantir “unha educación de calidade nuns espazos de convivencia axeitados”. Os socialistas de Arteixo levan anos denunciando “a masificación dos centros educativos do concello e a falta de inversión da Consellería de Educación para dotalos de infraestruturas, persoal e mantemento”. As ratios de alumnos de moitos centros educativos arteixáns é moi elevada e a saturación dos espazos é excesiva, ao que  hai que sumar “a falta de efectivos entre persoal de apoio e especialistas que limita a capacidade de levar a cabo unha boa xestión daqueles alumnos con máis problemas lectivos”.

Respecto ás propostas do Goberno local, os socialistas mostráronse a favor das modificacións das ordenanzas relativas ás taxas de terrazas e do feirón, a través das cales se elimina este imposto durante o presente ano (do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2020). “Estaremos a favor de todo o que sexa axudar aos autónomos e pemes”, subliñou o concelleiro Simón López.

A corporación arteixá tamén debateu varias mocións levadas polos diferentes grupos, entre a que se atopaba unha do PP para Instar ao Goberno de España a proporcionar información sobre o Ingreso Mínimo Vital. Os socialistas abstivéronse neste punto e recalcaron a “importancia que ten aprobar o IMV” e recordaron que a Covid propiciou a súa tramitación por vía de urxencia, “haberá marxe de mellora nos próximos meses coa tramitación da lei”, os socialistas incidiron en que a súa tramitación é moi “sinxela ao ser unha solicitude multicanal e, neste caso, os concellos só teñen que asesorar” ás persoas solicitantes.

O grupo municipal socialista tamén votou a favor da moción do BNG relativa á municipalización do servizo de axuda no fogar. Os socialistas mostraron o seu apoio a todas as reivindicacións do persoal.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.