15 junio 2020

O PSOE de Arteixo solicita ao Goberno que restaure o Muíño do Rañal dentro da ampliación do paseo fluvial



O grupo local abandona a sesión plenaria despois de que o PP se negara a aprazar 10 días un asunto de urxencia do que os e as concelleiras socialistas descoñecían a documentación




A corporación arteixá celebrou hoxe unha sesión plenaria extraordinaria na que o grupo socialista votou a favor da expropiación para a ampliación do paseo fluvial de Arteixo desde o polígono de Sabón ata O Rañal. Co obxectivo de conservar o patrimonio cultural e etnográfico do municipio, o PSdeG-PSOE solicitou ao Goberno local que inclúa a restauración do Muíño do Rañal neste proxecto, ademais de arranxar o actual paseo fluvial e realizar as obras necesarias para acabar cos vertidos de augas residuais. Os socialistas instaron tamén ao Goberno a que tivese en conta a todas as formacións políticas para levar a cabo esta actuación.

Respecto ao Proxecto de Expropiación Urbanística polo Sistema de Taxación Conxunta, para a Execución de Planeamento para a Mellora de Interseccións na Travesía de Pastoriza co paseo de Santuario e a rúa Igrexario, o grupo municipal incidiu en que se trata dunha actuación “moi necesaria polo perigo dos cruces”. Non obstante, durante a sesión plenaria expuxéronse algunhas dúbidas co sistema e as contías a pagar aos propietarios, motivo polo que as e os socialistas se abstiveron e exixiron ao Goberno local a máxima garantía e transparencia no proceso de expropiación.

Como asuntos de urxencia, o Goberno incluíu unha modificación do proxecto para a construción da piscina de Meicende, cuxa información subiron a Drive sen avisar aos grupos da oposición. Dada a actual situación de excepcionalidade na que se celebran os plenos, as distintas formacións políticas solicitaron que se retirase este punto da orde do día para o seu estudo e dado que en 10 días terá lugar a sesión ordinaria. O Goberno do PP negouse a aprazar á sesión do 25 de xuño esta modificación, polo que as e os concelleiros socialistas decidiron abandonar o pleno, como protesta polo que consideran unha “falta de respecto” á labor da oposición. Recordan desde o PSdeG-PSOE que sería unha “irresponsabilidade e unha temeridade” votar algo sen ter lida a documentación.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.