Socialistas de Arteixo

View Original

O traslado da Fonte do Abade supón un novo exemplo da lentitude e a ineficacia do PP de Calvelo

O Grupo Municipal Socialista denuncia o reiterado incumprimento dos prazos dunha obra que a veciñanza de Oseiro vén reclamando dende hai máis de dúas décadas.

A Fonte do Abade, en Oseiro

O goberno municipal de Arteixo acaba de anunciar, a través dunha nota de prensa, o inicio dos trámites para o traslado da Fonte do Abade, en Oseiro. O PSdeG-PSOE leva anos denunciando o estado de abandono dun elemento de enorme valor patrimonial e agarda que, nesta ocasión, os anuncios do PP non volvan quedar en promesas incumpridas. O portavoz socialista no Concello, Simón López, lembra que “a veciñanza leva máis de vinte anos reclamando esta obra” e lamenta o reiterado incumprimento dos prazos establecidos polo propio goberno de Carlos Calvelo. “No pasado mandato, xa incluíran nos orzamentos unha partida para o traslado da fonte pero á hora da verdade non moveron unha pedra”, indica o concelleiro.

O Grupo Municipal Socialista levou esta cuestión ao pleno en varias ocasións e a executiva local do partido mantivo tamén unha reunión coa Asociación de Veciños San Tirso de Oseiro onde quedou patente a súa preocupación polo estado de abandono da fonte e a súa contorna. “Non é só unha cuestión de preservar o patrimonio”, explica Simón López, “senón de crear novos espazos de convivencia nunha parroquia esquecida polo goberno do PP”.

A histórica Fonte do Abade, que é emblema de Oseiro, está actualmente pegada ao asfalto da estrada que conecta a Coruña coa rotonda de Sabón e o intenso tráfico da travesía supón un perigo para as persoas que queiran acceder a ela. Está cuberta de herbas e algunhas das súas pedras, ennegrecidas pola humidade e o fume dos coches, ameazan con virse abaixo en calquera momento. O proxecto para o seu traslado contempla a construción dun parque público “moi necesario”, en opinión do portavoz socialista, que afirma que “estamos ante un novo exemplo da lentitude e a ineficacia do PP de Calvelo para dar resposta ás demandas da xente de Arteixo”.