MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DO CONCELLO DE ARTEIXO PARA ESIXIR A CREACIÓN DUNHA NOVA PRAZA DE MESTRE DE EDUCACIÓN INFANTIL NO CEIP SAN XOSÉ OBREIRO DE MEICENDE E O AMAÑO INMEDIATO DAS SÚAS FILTRACIÓNS
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Dende a chegada de
Alberto Núñez Feijoo ao goberno da Xunta de Galicia temos que soportar os continuos
recortes nos servizos públicos que están a desfacer o estado de benestar que
tantos anos custou construír entre todos e coa aposta decidida de moitos
gobernos progresistas que puxeron por bandeira a igualdade de oportunidades
para tódolos cidadáns, independentemente da súa procedencia. Dende a chegada ao
goberno do PP do señor Feijoo podemos observar un desmantelamento dos nosos
servizos sociais, a eliminación da lei da dependencia, un empeoramento
progresivo da nosa Sanidade e a nosa Educación ao mesmo tempo que se leva a
cabo unha privatización encuberta destes servizos cun trasfondo ideolóxico
claro coa premisa de quen queira servizos que os pague.
En materia de Educación
tivemos que visualizar como diminúen os fondos para os nosos colexios públicos
con cada vez menos docentes e menos fondos para os gastos destes, como se
eliminou a gratuidade dos libros de texto, como se están a eliminar os
comedores escolares e como ano tras ano vaise producindo a diminución de
servizos de transporte escolar, cun menor número de paradas.
Ademais disto podemos
observar como o mantemento que exerce a Xunta de Galicia sobre os colexios do
seu dominio e nulo e nos atopamos con múltiples deficiencias que son emendadas
grazas ao superavit nas contas municipais, que estamos a cubrir os gastos que
se aforra a administración do señor Feijoo que ten máis que esquecido ao noso
concello.
A último episodio
correspóndelle ao CEIP San Xosé Obreiro e aos veciños desta parroquia, que
viron como a Xunta de Galicia era incapaz de darlle praza aos 32 novos
estudantes de Educación Infantil, deixando a 7 deles fora deste centro para ter
que desprazarse ata outro núcleo do noso concello para poder ser escolarizados,
cos problemas de conciliación que isto supón. De nada serviron as 1500
sinaturas que recolleron para pedirlle a Consellería de Educación que
habilitase unha aula máis de Infantil cun novo profesor, xa que a Consellería
de Educación semella que non quere facer ese esforzo polos nosos veciños e o
noso Alcalde non ten a capacidade de interlocución diante dos responsables da
Xunta para esixirlles esta dotación. Ademais temos que soportar como neste inverno
as múltiples filtracións existentes fan moi difícil a habitabilidade neste
centro nos meses de inverno, sen que a Consellería leve a cabo as obras
necesarias para que as súas instalacións educativas sexan as idóneas.
Por todo o anteriormente
exposto, propoño ó pleno desta Corporación a adopción dos seguintes,
ACORDOS:
1.- O Pleno do Concello de Arteixo esixe da Consellería de Educación
da Xunta de Galicia a creación dunha nova praza de profesor de Educación
Infantil no CEIP San Xosé Obreiro de Meicende, habilitando unha aula máis para
a inclusión deste 7 alumnos que quedaron ata o momento fora de dito centro.
2.- O Pleno do Concello de Arteixo esixe da Consellería de Educación
da Xunta de Galicia que leve a cabo con celeridade as obras necesarias na
cuberta do CEIP San Xosé Obreiro de Meicende para que no curso 2013/14 deixen
de producirse filtracións de auga no seu interior.
3.- Enviar ditos acordos á Consellería de Educación da Xunta de
Galicia.