“No mes de Febreiro denunciamos o abandono ao que tiña sometido o goberno de Calvelo á parroquia de Chamín, pedindo o urxente precinto e posterior arranxo do parque infantil e biosaludable desta parroquia ademais de que o goberno continuase coas xestións do anterior goberno ante as reivindicacións da súa Asociación Deportiva con respecto ao prometido campo de fútbol. Pero catro meses despois, se celebraron as festas desta parroquia sen que o PP busque solución para o campo de fútbol e vendo como a situación do parque infantil segue a ser a mesma, sen o precinto pertinente e con desprendementos cada vez de maior tamaño”
Dende o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de
Arteixo, denunciamos no mes de Febreiro a situación do parque infantil e
biosaludable da parroquia de Chamín e pedimos un urxente precintado deste
parque antes de que un dos desprendementos do terreo e muro superior fixera que
tivéramos que lamentarnos dun accidente nunha instalación dedicada ao lecer dos
nosos rapaces pequenos. Ademais pedíamos aos gobernantes do noso Concello que actuaran
con celeridade para amañar o estado de
dita instalación de uso público e garantiran a seguridade dos usuarios que
utilizan este parque municipal. Aproveitamos dita denuncia para solicitar do
grupo de goberno considerase a necesidade de levar a cabo unha remodelación de
dito parque infantil moi deteriorado polo tempo e con evidentes síntomas de
abandono por parte das autoridades, rodeado de lixo e cristais impropios dunha
zona de esparexemento que usan os nosos veciños máis indefensos.
Tamén asistimos “in situ” ás conversas da
nova Asociación Deportiva desta parroquia co grupo de goberno para que se
continuasen coas xestións do goberno anterior para a instalación dun campo de
fútbol, aparcamento e parque infantil na parcela alugada fronte á Escola da
Lagoa, pero observamos unha vez máis a falla de compromiso do goberno de
Calvelo con esta parroquia, que ten esquecida dende a súa chegada ao goberno.
Despois de máis
de dous anos de goberno do PP do señor Calvelo, cun espectacular dispendio de
fondos públicos, podemos observar como en Chamín, se castiga aos seus cidadáns
, sen ningún tipo de inversión, sen ter a súa disposición nin un local público,
nin campo da festa, nin o campo de fútbol que os veciños solicitaron, e cunha
estrada que calquera día vai a traer a desgraza, sen que se consiga que se
autorice a colocación dalgunha instalación que evite os excesos de velocidade.
Pero o máis grave é observar como a situación denunciada no mes de Febreiro do
parque infantil segue do mesmo xeito, podendo causar unha desgraza no momento menos
oportuno cuns desprendementos cada vez máis importantes, que fan que este grupo
responsabilice ao señor Calvelo e os seus compañeiros de calquera desgraza que
poda suceder alí.