Esiximos ao alcalde de Arteixo que pida explicacións a Repsol tralo anuncio de ERTE

“O Goberno ten que mediar e instar á empresa a que as medidas anunciadas sexan temporais, non só porque parte da refinería estea en terreo arteixán, senón porque moitos veciños e veciñas traballan nela e se verán afectados”, indica o voceiro socialista, Simón López

“Desde o PSdeG de Arteixo queremos mostrar o noso apoio ao persoal da refinería que se vai ver afectado polo ERTE anunciado por Repsol, ademais de esixir ao alcalde de Arteixo que pida explicacións á empresa e medie para garantir que estas medidas sexan temporais e curtas no tempo”, indica o voceiro socialista, Simón López.

Despois de que Repsol comunicase a súa intención levar a cabo un Expediente de Regulación Temporal de Emprego que afectará a máis de 200 traballadores e traballadoras, recordámoslle a Carlos Calvelo que parte da planta está no municipio arteixán. “Non só iso, moitos veciños e veciñas traballan nela e vanse ver afectados”, lamenta López, que engade que o Goberno local “non pode mirar para outro lado, como se fose un problema só da Coruña”.

Apelamos á responsabilidade social da compañía para que poña en marcha as medidas menos lesivas posibles para o persoal. Se ben é certo que houbo unha diminución na produción pola pandemia, na actualidade prevese un aumento da mobilidade co avance da vacinación. “Esperamos que o alcalde lle recorde estes termos á dirección da empresa para que, canto antes, poña fin a ese ERTE, ou incluso o retiren, e o cadro de persoal volva pronto ás condicións normais de traballo”, conclúe López.

Anterior
Anterior

Os socialistas de Arteixo pídenlle a Repsol que busque alternativas para manter os postos de traballo da refinería

Siguiente
Siguiente

Unanimidade na nosa proposta para arrombar as medianeiras dos edificios sen rematar con arte urbano