O grupo municipal socialista de Arteixo denuncia a situación de descoordinación e descontrol do servizo de transporte escolar no concello

Os socialistas presentarán unha moción para instar á Consellería de Educación a realizar e facer público un informe de inspección das rutas, horarios, paradas e vehículos de que dispón a concesionaria para ofrecer ese servizo no concello de Arteixo.

 O grupo municipal socialista presentará unha moción no pleno do mes de setembro para instar á Consellería de Educación a esixir o cumprimento íntegro do contrato á empresa concesionaria do servizo de transporte escolar no Concello de Arteixo. Os socialistas instan paralelamente ao Goberno galego a realizar e facer público a súa páxina web un informe de inspección das rutas, horarios, paradas e vehículos de que dispón a concesionaria para ofrecer ese servizo no concello de Arteixo.

Ademáis o grupo municipal socialista urxe ao goberno local e á Consellería de Educación a reunirse coas direccións dos centros educativos en Arteixo á maior brevidade posible para dar unha solución inmediata á absoluta descoordinación e descontrol do servizo de transporte escolar no concello.

“Sabemos que a prestación do servizo de transporte escolar en toda Galicia está a ser caótica dende que se adxudicou o novo contrato a finais de decembro de 2021” afirma a voceira socialista, Patricia Boedo. “O Grupo Socialista ven de denunciar a situación do transporte escolar no noso Concello, e pídelle á Xunta de Galicia que exerza a súa función de control e seguimento do cumprimento do contrato que neste caso lle correspondeu a ALSA” continúa Boedo.

Aos problemas acontecidos e denunciados polo PSdeG noutras comarcas súmase tamén os da comunidade educativa de Arteixo, tanto do IES Manuel Murguía e Pastoriza, como dos CEIP Ponte dos Brozos, Arteixo e Galán.

“No caso do IES Manuel Murguía, a propia dirección do centro ten emitido comunicados vÍa ABALAR, admitindo os graves problemas que están a sufrir por unha absoluta descoordinación do servizo, así como a ANPA do IES Pastoriza que  presentou queixas ante a dirección do centro e a propia consellería” explica a voceira socialista, quen tamén engade que “as nais e pais veñen de transmitirnos persoalmente situacións de extrema gravidade como tamén o trasladan nas redes sociais” nas que relatan retrasos de máis de 40 minutos, nenos dos CEIP que teñen que chegar á derradeira parada por pasar a horas non estipuladas e non ter quen os recolla na súa parada, reconfiguración das liñas establecidas polos centros educativos, etc.

“Sabemos ademais que ante esta situación os propios traballadores das empresas de transporte están desbordados pola improvisación e falla de coordinación existente” remata Boedo.

 

Anterior
Anterior

O grupo municipal socialista de Arteixo denuncia a falla de organización e xestión política da concelleira de Cultura

Siguiente
Siguiente

Boletín de noticias #SocialistasArteixo Nº 4