O PSOE de Arteixo insta ao Goberno local a reparar infraestruturas perigosas no Camiño dos Cabalos e Loureda

A presión dos socialistas logra que o Concello actúe de urxencia nunha lomba defectuosa que causaba danos nos vehículos e en rexistros en mal estado na DP-508.

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentou no último pleno ordinario un rogo esixindo intervencións inmediatas en dous puntos críticos da rede viaria municipal que estaban a xerar inseguridade e malestar cidadán. Tras a denuncia pública e oficial da formación, os servizos municipais comezaron a executar as reparacións solicitadas.

O PSOE alertou sobre a deficiente instalación dunha lomba no paso de peóns da rúa Camiño dos Cabalos, á altura do paseo fluvial. Aínda que o obxectivo da infraestrutura é garantir a seguridade nunha zona sensible situada entre áreas de xogos, zonas de lecer e o centro de saúde, a súa mala execución estaba a provocar danos materiais nos vehículos, incluso circulando a velocidades reducidas.

"Non sabemos se cumpre coa normativa, pero o que era evidente é que estaba a xerar moito malestar na cidadanía", sinalaron dende o grupo municipal, subliñando que a seguridade peonil non debe ser incompatible coa integridade dos vehículos.

Deficiencias de seguridade en Loureda

A segunda das demandas centrouse na estrada DP-508, no entorno da Casa Rectoral de Loureda. Grazas ás advertencias da veciñanza, o grupo socialista denunciou no pleno o mal estado dun parche de asfalto sobre unha zanxa de canalización de augas. así como a falta dunha tapa de rexistro, o que supoñía un risco directo para a seguridade viaria e peonil.

"A política útil é a que escoita á veciñanza e soluciona os problemas do día a día. Celebramos que o goberno local por fin reaccione e estea a executar algúns dos arranxos que solicitamos, pero lamentamos que faga falta que o PSOE leve estas queixas ao pleno para que o Concello cumpra coas súas obrigas básicas de mantemento", declara o voceiro socialista, Martín Seco.

“Como oposición temos a resposabilidade e o deber de fiscliazar o labor do goberno municipal”, remata Seco, “así que seguiremos atentos ao estado das infraestruturas municipais para garantir que as obras se executen con calidade e seguridade dende o primeiro momento”.

Siguiente
Siguiente

O PSOE esixe ao goberno de Arteixo "limpar" todas as irregularidades da Travesía de Arteixo tras lograr que o PP admita o erro da caseta