O PSOE de Arteixo planta cara á "imposición" da terminal de Souto e ao recorte do municipalismo
Os socialistas esixen a paralización da estación de mercadorías polo seu grave impacto veciñal e rexeitan a nova lei local da Xunta que debilita os concellos.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo leva ao pleno ordinario de abril dúas iniciativas cruciais para o futuro do municipio. Os socialistas se centran en dous frontes: a defensa do núcleo de Souto fronte á ameaza dunha terminal ferroviaria de carga e a protección da autonomía municipal ante o anteproxecto de Lei da administración local de Galicia proposta pola Xunta de Galicia.
Souto: Un núcleo residencial, non industrial
A primeira das mocións esixe a paralización inmediata do proxecto da estación de mercadorías na zona de Souto. O PSOE denuncia que esta infraestrutura, situada a menos dun quilómetro de numerosas vivendas, causaría un impacto irreversible pola Contaminación acústica e vibracións, especialmente graves polo tráfico ferroviario pesado e as manobras nocturnas: o tráfico pesado (o fluxo constante de camións transformaría as estradas locais nun eixo loxístico perigoso) e os riscos ambientais: Alértase da posible manipulación de mercadorías perigosas nunha contorna habitada e rural.
Defensa do municipalismo fronte á Xunta
Por outra banda, o grupo socialista propón o rexeitamento total ao Anteproxecto de Lei de Administración Local de Galicia. Consideran que o texto da Xunta é unha "Constitución contra os concellos" que impón novas obrigas sen garantir financiamento, chegando incluso a contemplar fusións obrigatorias de municipios.
"Estamos ante unha pinza de autoritarismo e desidia que Arteixo non pode tolerar. Mentres uns pretenden esnaquizar a calidade de vida en Souto impoñendo unha terminal a metros das casas, outros dende Santiago queren converter o noso concello nunha oficina subordinada e sen recursos. Non imos permitir que se decida o futuro dos nosos veciños dende despachos que nin coñecen nin respectan a nosa realidade local", argumenta Martín Seco.

