O PSOE solicita o apoio do pleno de Arteixo para o persoal de Ferroglobe ante o ERTE histórico de 17 meses
Os socialistas esixen un plan de viabilidade á empresa, critican a falta de acordos enerxéticos (PPA) e piden a Santiago e Madrid presión ante a UE para frear a competencia desleal chinesa.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo levará ao pleno ordinario desta semana unha moción para acadar o respaldo institucional de toda a corporación aos 113 empregados directos e máis de 200 indirectos da planta de Ferroglobe no polígono de Sabón, afectados polo novo Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) anunciado pola compañía.
A iniciativa socialista pon o foco na gravidade dun axuste que se estenderá dende o 1 de agosto de 2026 ata o 31 de decembro de 2027. “Trátase de 17 meses de parálise, un dos períodos máis longos que se lembran na industria electrointensiva galega, que chega tras catro regulacións consecutivas sen tempo suficiente para que os empregados repuxesen os seus dereitos de prestación por desemprego” explica o voceiro socialista, Martín Seco..
Seco destaca que a crise do silicio metal, material estratéxico e crítico para a transición enerxética, a tecnoloxía e a automoción, responde a unha dobre responsabilidade. Por unha banda, os socialistas fanse eco da denuncia do comité de empresa ante a pasividade da Unión Europea, que permite que os produtores chineses copen o mercado con prezos artificialmente baixos grazas ao dumping e a estándares ambientais e laborais que serían ilegais en Europa.
Por outra banda, o voceiro socialista sinala que a dirección de Ferroglobe non pode escudarse unicamente en Bruxelas. "A empresa tampouco foi áxil á hora de pechar acordos de compravenda de enerxía a longo prazo (PPA) competitivos. Nunha planta que consume cantidades masivas de electricidade, ter pechado estes contratos amortecería o impacto dos custos enerxéticos. A realidade de Sabón é hoxe unha mestura de fallos regulatorios e de falta de previsión empresarial", explicou Seco.
Fronte común por Sabón
Para a formación socialista, Arteixo e Galicia non poden permitirse a destrución progresiva dunha planta clave no tecido industrial da comarca da Coruña. Por iso, a moción procura sumar as forzas de todos os grupos políticos locais para protexer ás familias afectadas e esixir respostas ao máis alto nivel.
"Non estamos ante un axuste temporal máis; 17 meses de ERTE son unha ameaza directa para a supervivencia da fábrica e o sustento de máis de 300 familias do noso entorno. Bruxelas ten que mover ficha xa con mecanismos de defensa comercial fronte ao dumping chinés, pero Ferroglobe ten que sentarse a negociar un plan de viabilidade real para Sabón e amosar compromiso coa plantilla. Arteixo ten que estar ao lado dos seus traballadores e non permitir o desmantelamento da nosa industria", declarou o voceiro socialista, Martín Seco.
A moción do Grupo Municipal Socialista solicita que a corporación do Concello de Arteixo amose o seu apoio á plantilla de Sabón e inste formalmente:
Á dirección de Ferroglobe: A negociar de xeito inmediato co comité de empresa un plan de viabilidade claro, transparente e de futuro para a planta de Sabón.
Á Xunta de Galicia e o Goberno de España: A facer unha fronte común de presión ante a Unión Europea para activar con urxencia mecanismos de defensa comercial efectivos que freen a competencia desleal dos mercados asiáticos.

