Os socialistas de Arteixo preguntarán no pleno sobre a escaseza de socorristas no municipio e o custe económico das bandeiras azuis das praias

O grupo municipal socialista insta ao goberno municipal a adoptar as medidas necesarias e urxentes para poñer unha solución a esta situación de absoluto desleixo nos servizos de socorrismo, sobre todo nun ano no que o concello ten o maior número de bandeiras azuis de toda Galicia pese a ter os areais en malas condicións.

O grupo municipal socialista de Arteixo preguntará no pleno do mes de xuño pola situación de escaseza de socorristas precisamente nun ano no que o concello fixo un esforzo económico para ter o maior número de bandeiras azuis de toda Galicia incluso para areais con vertidos, mala accesibilidade e falla de servizos.

Para os socialistas arteixáns  explica Patricia Boedo, a voceira socialista,a figura do socorrista é indispensable para velar pola seguridade dos bañistas nas praias do noso territorio, sen esquecer outras moitas funcións que desempeñan, no ámbito das súas competencias, relacionadas coa nosa saúde e seguridade (primeiros auxilios, información sobre a situación do mar ou da praia...)” pero , continúa Boedo, “dende o noso grupo recibimos a información de que o noso concello fora un dos que non conseguira o número de socorristas que tiña ofertado neste 2022”

“Sabemos que a escaseza de socorristas é xeneralizada en Galicia e que unha das causas que expresan os integrantes do sector son as dificultades no sistema de formación actual fronte ás que se esixían fai dez anos, o seu custe económico e a necesidade de estar nun rexistro da Xunta, ademais dunhas condicións laborais e salariais precarias en moitos concellos” dí Boedo, polo que “o noso grupo quere saber cantas prazas de socorrista ofertou o concello de Arteixo para a tempada de praias do 2022, cantas foron cubertas e que tipo de xestión fai o concello de Arteixo para a contratación deses socorristas, de canta duración son eses contratos e que salario se oferta” demanda a voceira dos socialistas, que engade que “segundo informacións chegadas ao noso grupo son dos máis baixos da provincia”.

“Se efectivamente a escaseza é certa precísanse aclaracións sobre como vai paliar o concello o déficit de socorristas nesta campaña de 2022 pero tamén para os vindeiros anos” insiste Patricia Boedo.

Ao fío desta situación, a representante socialista incide en que “o goberno municipal ten que aclarar tamén cales son os requisitos necesarios para que un areal acceda ás bandeiras azuis e cal é o custe económico que lle supón ao noso concello cada unha desas distincións, tendo en conta que este ano supoñemos que se ten feito un gran esforzo económico para contar co maior número de bandeiras azuis de toda Galicia incluso en areais con vertidos, mala accesibilidade e falla de servizos”

XESTIÓN DOS DESLINDES CON CULLEREDO E A CORUÑA

No pleno de xuño, os socialistas tamén insistirán en coñecer a situación dos deslindes do concello con Culleredo e A Coruña, trala presentación dunha moción no pleno ordinario de maio solicitando que o grupo de goberno continuase cos traballos para finalizalos.

“Aínda que a moción foi aprobada por unanimidade, co voto afirmativo do grupo de goberno do Partido Popular, neste pleno vemos como o goberno local trae a aprobación o novo inventario de bens pero seguimos sen saber como está a xestión dos deslindes cos concellos limítrofes de Culleredo e A Coruña e  por iso insistimos en saber cales foron as iniciativas que tomou o goberno local dende maio para negociar eses deslindes”

 

Anterior
Anterior

O PSOE de Arteixo instará ao goberno municipal a engadir todas as súas propostas na execución do plan de mellora para Pastoriza

Siguiente
Siguiente

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Arteixo insta ao goberno do PP a poñer toda a documentación do Inventario de Bens Municipal a disposición da corporación municipal