“O señor Novo debería de cederlle a concellería de Seguridade Cidadá a unha persoa competente, que consiga baixar o elevado índice de delincuencia do noso Concello sen suxerirlle aos comerciantes do noso concello que si teñen medo, contraten seguridade privada ademais de utilizar os recursos da nosa administración con pulcritude e sen despilfarros”
Dende
o Partido Socialista estamos fondamente preocupados pola fonda deriva que está
a vivir a seguridade cidadá no noso concello e as continuas escenas de
delincuencia que temos que observar nas nosas rúas, sen que o señor Novo poña
en funcionamento os mecanismos oportunos, para que a xente do noso concello
poida saír a rúa sen medo e os comerciantes poidan ter o negocio aberto sen
temer que no momento menos pensado teña lugar un atraco.
Dende
a Concellería de Seguridade semella que están máis preocupados polas continuas
roldas de prensa e entrevistas para resaltar a magnífica seguridade no noso
concello, mentres paralelamente atopámonos con continuas escenas de roubos e delincuencia
que chocan frontalmente coa imaxe vendida polo concelleiro Novo.
O que é inaceptable e insultante para tódolos
veciños do noso concello é que o máximo responsable da seguridade local de
Arteixo, afirme nun medio de comunicación que aqueles veciños de Arteixo que
teñan moito medo, que contraten seguridade privada, declaracións que nos
obrigan a solicitarlle ao señor Alcalde que busque no seu goberno algunha
persoa competente para dirixir a nosa seguridade, nun posto que supera ao señor
Novo, segundo el mesmo admite.
Iso
si, dende o noso grupo xa denunciáramos o excesivo gasto que se estaba levando
a cabo nesta concellería, dende a chegada do señor Novo, cun novo posto de Xefe de Seguridade Cidadá que lle custará
a Arteixo 65.000 euros ao ano ou as gratificacións sen control, cuantificadas
en 45.000 euros anuais para a policía local a maiores do seu soldo, para ter
que ver como o Concello de Arteixo firma un convenio de colaboración coa Goberno
do Estado para asumir as competencias de control de tráfico que antes facía a
Garda Civil polas nosas vías, o que fai que mentres os nosos axentes están dedicados
a controlar o tráfico, non poden vixiar nin a seguridade das nosas rúas, nin a
seguridade dos nosos veciños, nin a seguridade dos nosos comerciantes.