Os socialistas esixen medidas urxentes para garantir a salubridade na zona da Báscula en Meicende
O PSOE de Arteixo recolle as queixas veciñais pola contaminación diaria, a presenza de ratas e a falta de control municipal sobre as empresas e o tráfico pesado
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo trasladou ao pleno de marzo a situación “insostible” que vive a veciñanza e a hostalaría do entorno da zona da Báscula, en Meicende, onde denuncian unha contaminación constante por po, sucidade e a presenza de pragas, sen que o goberno local adopte medidas eficaces.
Segundo explican os socialistas, os residentes nas rúas Colombia, Perú e na Avenida da Coruña levan tempo soportando unha elevada acumulación de po que invade vivendas, negocios e espazos públicos, afectando directamente á súa calidade de vida e á saúde. “Falamos de fiestras, portas e beirarrúas cubertas de sucidade de maneira permanente, ademais do aire que están obrigados a respirar cada día”, sinala o portavoz socialista, Martín Seco.
Desde o PSOE arteixán insisten en que a esta situación se suma a presenza de ratas e o estacionamento habitual de camións en zonas non habilitadas, o que agrava aínda máis os problemas de salubridade e seguridade no barrio. “A veciñanza leva tempo reclamando ao Concello actuacións concretas, especialmente no control das empresas que operan na zona, ás que consideran responsables dunha parte importante das emisións de po” explican.
Seco incide en que o goberno municipal debe esixir ás empresas medidas como o control das emisións á atmosfera, a limpeza dos vehículos e a obrigatoriedade de que os camións circulen cubertos para evitar a dispersión de materiais. Ademais, reclama que o Concello realice controis periódicos da calidade do aire e que inste á Xunta de Galicia a facer o mesmo para garantir a protección da saúde pública.
O grupo socialista critica que, malia as reiteradas queixas veciñais, “o goberno local segue sen actuar con firmeza nin aplicar a normativa vixente”, permitindo que a situación se cronifique nunha das zonas máis castigadas do municipio.

