O PSOE denuncia a “deriva na xestión de persoal” en Arteixo con sospeitas de enchufismo, despidos improcedentes e privatizacións
Os socialistas cuestionan procesos selectivose critican a opacidade en SUMARTE e a externalización de servizos sen diálogo nin control público
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo elevará a presión política sobre o goberno local no vindeiro pleno extraordinario convocado para o luns 13 de abril ás 09:30 horas, unha sesión que, ao seu xuízo, chega nun contexto marcado pola “opacidade, os conflitos laborais e as sospeitas na xestión do persoal municipal”.
Os grupos municipais da oposición solicitaron conxuntamente este pleno extraordinario cun único punto na orde do día para debater as políticas de xestión de persoal do grupo de goberno e procurar acordos que impulsen a negociación co comité de empresa do Concello de Arteixo.
O portavoz socialista, Martín Seco, sinala que o seu grupo xa ten denunciado a “grave deriva na xestión do persoal municipal”, cunha batería de preguntas dirixidas ao goberno local do PP no último pleno tras anos de denuncias por decisións “arbitrarias, opacas e sectarias” que “están a deteriorar o funcionamento da administración”.
Os socialistas poñen o foco nun recente proceso selectivo para unha praza de vixiante medioambiental, no que a maioría dos aspirantes quedaron eliminados nun primeiro exame cualificado como “anormalmente complexo”, mentres un único candidato acadaba unha nota moi superior ao resto e resultaba finalmente seleccionado. Ante esta situación, o PSOE preguntaou se existía algún tipo de vinculación familiar entre o aspirante e o Concello, recollendo así as dúbidas que, aseguran, existen entre os propios participantes e a veciñanza.
A crítica esténdese tamén á xestión da empresa pública SUMARTE, onde denuncian despidos sen comunicación ao consello de administración, a ausencia de órganos de representación dos traballadores e a falta de negociación ante conflitos laborais que mesmo derivaron en sancións da inspección de traballo.
O conflito laboral no servizo de recollida do lixo é outro dos puntos que o grupo socialista levará ao pleno, denunciando un “clima de tensión permanente”, con sancións disciplinarias e despidos que, ao seu xuízo, buscan “silenciar as queixas dos traballadores” ante as deficiencias do servizo.
Por outra banda, o PSOE carga con dureza contra a decisión do goberno local de privatizar parte do servizo de mantemento de zonas verdes, unha medida adoptada, segundo critican, sen informar á oposición nin negociar co comité de empresa. A subrogación de parte do persoal a unha empresa privada foi cualificada polos representantes dos traballadores como unha “fragmentación fraudulenta do servizo” e unha vulneración dos dereitos laborais.
Os socialistas comparten estas denuncias e cuestionan os criterios empregados para seleccionar aos traballadores afectados, ao tempo que acusan ao executivo local de abandonar o modelo de xestión pública directa que defendía. “Estamos ante un goberno que, tras 15 anos con maioría absoluta, actúa como se o concello fose da súa propiedade, favorecendo a uns e apartando a outros sen explicacións”, sinalan.
Por todo isto, esixen explicacións claras no pleno extraordinario e reclaman un cambio de rumbo na política de persoal do Concello de Arteixo, advertindo de que “o deterioro da xestión interna xa está a ter consecuencias directas na calidade dos servizos que recibe a cidadanía”.

