O PSdeG-PSOE reclama melloras na seguridade viaria en Meicende

O portavoz socialista no Concello, Simón López, denuncia o perigo que supoñen as beirarrúas incompletas na Travesía e insta ao goberno a finalizar canto antes a reparación do paseo en torno ao encoro.

Representantes da Agrupación Socialista de Arteixo en Meicende

Representación da Agrupación Socialista de Arteixo en Meicende

Unha representación da Agrupación Socialista de Arteixo realizou un percorrido polo núcleo urbano de Meicende para comprobar, da man da propia veciñanza, como algúns dos problemas que veñen denunciando dende hai anos seguen sen ter solución. O portavoz municipal do PSdeG-PSOE, Simón López, considera “inaceptable” o estado de abandono no que se atopan moitas infraestruturas e cre que “o PP de Carlos Calvelo está amosando, coa súa xestión, un desprezo absoluto por unha das zonas máis poboadas do Concello”.

As carencias en materia de seguridade viaria resultan, en opinión do portavoz socialista, “especialmente preocupantes”. Denuncia que a existencia de varios tramos incompletos de beirarrúa, na Travesía de Meicende, “supón un verdadeiro perigo para o tránsito de viandantes nunha rúa pola que circulan diariamente milleiros de vehículos”. Varios edificios abandonados, entre o número 31 e o 35, obstaculizan o paso de peóns, obrigándoos a invadir a calzada durante varios metros e na marxe oposta da vía o trazado da beirarrúa vese interrompido polo oco dunha parcela sen edificar. “Calquera persoa que camiñe despistada por esta zona corre o risco de caer por un desnivel de varios metros de altura, xa que o talude non esta debidamente sinalizado”, advirte Simón López.

A agrupación local do PSdeG-PSOE considera que a demora na reparación do paseo en torno ao encoro de Meicende “é outra mostra do escaso interese que o Partido Popular pon á hora de atender os problemas da veciñanza”. A masa de auga está rodeada, dende hai meses, por un valado provisional de obra e aínda non hai un prazo definido para finalizar os traballos. Simón López lamenta o estado no que se atopa “unha das poucas zonas de esparexemento que hai neste núcleo urbano” e insta ao goberno a axilizar a execución das obras pendentes.

Anterior
Anterior

O PSOE leva a pleno a reapertura e modernización de Radio Arteixo

Siguiente
Siguiente

O PSOE propón un sistema de orzamentos participativos para o Concello de Arteixo