O PSOE propón un sistema de orzamentos participativos para o Concello de Arteixo

O Grupo Municipal Socialista leva ao pleno unha moción para que a veciñanza decida, a través dun proceso transparente e democrático, o destino do 1% das contas municipais do ano 2023.

Simón López e Charo Figueiras, integrantes do Grupo Municipal Socialista

Simón López e Charo Figueiras

O goberno municipal de Arteixo aprobou, para o ano 2022, un Orzamento que supera os 60 millóns de euros. Trátase dunha cifra moi importante, pero o PSdeG-PSOE lamenta “a escasa capacidade de decisión da cidadanía respecto ao destino dese enorme volume de investimento”. O portavoz socialista no Concello, Simón López, defende a necesidade de poñer en marcha, de cara ao deseño das contas do próximo exercicio, unha experiencia de orzamentos participativos “que outorgue máis transparencia e eficacia á xestión municipal e favoreza unha maior implicación da veciñanza no proceso de toma de decisións”.

Ata o momento, a ferramenta dos orzamentos participativos nunca se utilizou en Arteixo, pero existen experiencias próximas en concellos como A Coruña ou Ferrol.  O PSdeG-PSOE levará unha moción ao pleno do mes de xaneiro para que se poida abrir, canto antes, un prazo de presentación de propostas por parte da cidadanía. Atendendo ao calendario que manexa a administración municipal, tal como indica Simón López, “un proceso destas características debería comezar arredor de febreiro ou marzo para evitar retrasos na tramitación do orzamento”. O portavoz socialista reclama “vontade política” para “informar con tempo á poboación e dar formación ao persoal público en torno aos mecanismos de participación”.

A proposta do Grupo Municipal Socialista contempla reservar o 1% das contas de 2023 para unha experiencia piloto de Orzamentos Participativos. Isto suporía, de manterse o nivel actual de recadación e gasto, que a veciñanza poderá decidir de maneira directa o destino de algo máis de 600.000 euros. López insta ao PP “a escoitar á xente de Arteixo e poñer en marcha, tal como se fai xa en moitos outros lugares, un proceso de compilación de propostas, deliberación pública e definición de prioridades á hora de realizar investimentos de interese municipal”.

Anterior
Anterior

O PSdeG-PSOE reclama melloras na seguridade viaria en Meicende

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo reclama un plan de humanización do centro urbano