O PSOE acusa a Calvelo de "negociacións a dedo" e de paralizar durante 8 anos a rexeneración das Eiras en Meicende

Os socialistas esixen rematar o proxecto das rúas Ecuador e Travesía de Meirás e preguntan por que o alcalde lle dá un trato "diferente e privilexiado" a un expropiado.

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo esixe explicacións ao alcalde Carlos Calvelo, polo "incomprensible bloqueo" das obras de humanización do barrio das Eiras, en Meicende. A formación denuncia que, oito anos despois de que se paralizaran os traballos no ano 2018, o executivo do Partido Popular segue sen retomar un proxecto vital para mellorar a convivencia, a visibilidade e a seguridade viaria nas rúas Ecuador e Travesía de Meirás.

O portavoz socialista, Martín Seco, lembra que a rexeneración das Eiras foi anunciada polo PP no ano 2017 como unha actuación estratéxica contra o menudeo de drogas e a degradación urbana, prevendo o derribo de edificacións, a apertura de beirarrúas e a eliminación de "tampóns" urbanísticos. Porén, tras o recurso xudicial dun dos propietarios afectados pola expropiación, o Concello decidiu conxelar a obra e deixala no esquecemento.

Escusas legais falsas e un trato "á carta"

Martín Seco puxo ao descuberto reiteradamente as "incoherencias" da xustificación do alcalde no pleno do pasado mes de xullo, cando se escusou dicindo que a obra estaba pendente de que o veciño afectado "aceptase a expropiación".

"Calquera que coñeza a lei sabe que unha expropiación forzosa é un procedemento administrativo reglado e tasado, que non depende da vontade ou do visto bo dun particular", explicou Seco. "Dicir que a obra de Meicende está parada porque un veciño non acepta a expropiación é unha escusa totalmente falsa para tapar oito anos de falla de xestión".

A maiores, o PSOE alerta de que o alcalde podería estar a manter negociacións económicas e propostas monetarias directas á marxe dos procedementos oficiais. "Queremos saber por que este veciño recibe un trato diferente ao resto da veciñanza de Arteixo e por que o alcalde negocia prezos coma se a administración pública fora unha inmobiliaria privada, como se unha expropiación fora un proceso negociado de compra e non fose un proceso tasado”, denunciou o voceiro.

Dende o grupo socialista salientan que os veciños e veciñas de Meicende levan case unha década soportando unha contorna a medias e degradada pola "dobre vara de medir" do Goberno de Carlos Calvelo que se “veu facer a foto a Meicende en 2017 prometendo acabar coa marxinación nas Eiras, pero a realidade é que leva oito anos coas obras paralizadas”.

Para os socialistas non ten sentido legal dicir que se atopa á espera de que un afectado acepte a expropiación, nin é ético que o alcalde faga propostas económicas “por debaixo da mesa”. “Esiximos que Calvelo aclare por que este propietario é diferente ao resto dos veciños de Arteixo e que execute de inmediato o proxecto para darlle ás Eiras a dignidade que merece", manifestou o voceiro socialista, Martín Seco. 

Siguiente
Siguiente

O PSOE esixe ao alcalde aclarar se a avogada implicada na rede de falsificacións e empadroamentos é a letrada do Concello de Arteixo