O PSOE esixe ao alcalde aclarar se a avogada implicada na rede de falsificacións e empadroamentos é a letrada do Concello de Arteixo

Os socialistas reclaman a Calvelo que confirme a identidade da investigada pola Policía e, de ser así, aplique a suspensión inmediata de funcións para protexer a institución

O portavoz do grupo muncipal socialista de Arteixo Martín Seco García, insta a alcalde, Carlos Calvelo, a aclararar con urxencia se a avogada sinalada na recente operación da Policía Nacional contra unha rede criminal que facilitaba a nacionalidade española a migrantes senegaleses mediante o uso de documentación falsa é a letrada municipal do Concello de Arteixo.

Ante as gravísimas informacións aparecidas nos medios de comunicación sobre a desarticulación desta rede na comarca da Coruña, o grupo socialista considera imprescindible que o executivo local compareza para disipar calquera dúbida sobre a integridade e a legalidade da administración municipal.

Medidas cautelares inmediatas en caso de confirmación

O voceiro socialista, Martín Seco, advertiu de que, en caso de confirmarse que a persoa investigada é a avogada do Concello, o alcalde ten a "obriga de actuar sen un só minuto de demora" para evitar que o nome de Arteixo estea vinculado nun escándalo de fraude e falsificación de documentos públicos.

"O Concello de Arteixo non pode estar baixo a sombra do sospeita nin un só segundo. Esiximos ao alcalde que confirme ou desminta de forma categórica se esta traballadora xurídica é a persoa investigada pola Policía Nacional", explicou Martín Seco. "De confirmarse esta vinculación, esiximos a suspensión cautelar e inmediata de todas as súas funcións no Concello e a apertura dunha investigación interna sobre as súas actuacións", e engade que “o goberno de Carlos Calvelo nunca aclarou porque esta señora traballaba externamente e se tiña compatibilidade mentres os casos nos xulgados se externalizaban a outros profesionais”. 

Os socialistas insisten en que tampouco aclararon “o curioso procedemento polo que o irmán desta señora gañaba unha praza no noso concello”, uns tratos de favor que o voceiro socialista denunciaba fai poucas datas mentres a abogaba facía de instructora en casos de expedientes inxustos contra traballadores municipais

Rigor, transparencia e responsabilidade política

Dende o PSOE subliñan a necesidade de protexer o padrón municipal e a tramitación de expedientes públicos fronte a calquera sospeita de irregularidade, lembrando que a transparencia é a única vía para manter a confianza da veciñanza na institución.

"Carlos Calvelo ten que dar explicacións e aclarar se quen ten que defender xuridicamente ao Concello de Arteixo está a ser investigada por falsificar documentos e tramitar empadroamentos irregulares. Se a noticia se confirma, o alcalde debe apartala do cargo de inmediato e revisar todos os expedientes nos que puidera ter intervido. Arteixo non merece un goberno que garde silencio ante situacións desta gravidade", declarou o voceiro socialista, Martín Seco.

Siguiente
Siguiente

O PSOE alerta do "estrangulamento" do acceso ao parque do Seixedo polas obras na Travesía de Arteixo