O PSOE acusa ao PP de Arteixo de "meter tamén no caixón" as ordenanzas de terrazas e ruído ás portas do verán

Os socialistas denuncian que o Goberno local suma cinco anos de parálise na regulación hostaleira e leva sete meses de atraso coa normativa de ruídos malia as queixas da Valedora do Pobo.

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo denunciou no último pleno a "incapacidade" do Goberno local do Partido Popular para xestionar e regular a convivencia cidadá. Os socialistas afearon ao alcalde que o municipio afronte un novo período estival sen un marco normativo claro para as terrazas da hostalaría nin unha ordenanza de ruídos actualizada, unha eiva que xera "total inseguridade" tanto en propietarios como en veciños.

O grupo municipal censurou que o PP, que leva 15 anos gobernando de xeito consecutivo con maiorías absolutas e manexa orzamentos que rozan os 70 millóns de euros anuais, sexa "incapaz de tomar decisións valentes" por medo a desgastarse politicamente.

Dende o PSOE lembran que o municipio leva máis de un lustro agardando por unha ordenanza que regule a instalación e os horarios dos veladores. Neste tempo, os socialistas acusan ao Executivo local de covardía política: "Trouxeron dous textos e logo decidiron metelos nun caixón por medo a molestar", afirman, deixando o sector e os residentes nun limbo legal que dana a mobilidade e o descanso.

O "plantón" á ordenanza de ruídos e á Valedora do Pobo

A maiores, O PSOE tamén puxo o foco no incumprimento dos prazos coa ordenanza de ruídos ao lembrar que, en setembro de 2025, o concelleiro de Urbanismo comprometeuse en pleno a presentar o texto "como moi tarde en novembro" dese mesmo ano, tras finalizar a consulta pública.

"Levamos sete meses de atraso institucional e promesas incumpridas, obviando mesmo as peticións e advertencias da Valedora do Pobo para que se actúe nesta materia", denuncian desde as filas socialistas.

"O PP dedica millóns de euros a gastar e inaugurar, pero desatende por completo os dereitos máis básicos da cidadanía. Prefiren seguir instalados na subxectividade, decidindo segundo a quen afecten as molestias en lugar de garantir un trato igualitario, transparente e con regras do xogo claras para todos. O descanso veciñal e a actividade económica non poden depender do libre albedrío do alcalde", afirma o voceiro socialista, Martín Seco.

O PSOE de Arteixo asegura que non cesará na súa presión ata que o Concello ofreza normas axeitadas que equilibren o desenvolvemento hostaleiro co dereito irrenunciable ao descanso.

Siguiente
Siguiente

O PSOE denuncia un novo "engano" de Calvelo sobre Suevos: Naturgy nega que o Concello tramitase o acceso eléctrico