O PSOE alerta da "degradación" de Meicende coa aparición de armas nos parques e novos puntos de consumo de drogas
Os socialistas esixen ao goberno local de Arteixo e á Xunta saír do "letargo" e activar xa a rehabilitación do Petón e un plan de choque contra a inseguridade cidadá.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo expresou a súa "fonda preocupación" ante o progresivo deterioro da seguridade e a calidade de vida no núcleo de Meicende. A formación denuncia que, mentres os grandes proxectos institucionais coma a rehabilitación do barrio do Petón fican "estancados e nun apagón informativo", os problemas de convivencia, o vandalismo e o tráfico de estupefacientes seguen a gañar terreo nas rúas.
O voceiro socialista, Martín Seco, censura a "pasividade" do Goberno local do PP ante unha realidade que amosa que os plans sobre o papel non solucionan os problemas reais do día a día das familias.
O PSOE lembra que en febreiro de 2025, tras reiteradas demandas do grupo socialista, a Xunta de Galicia aprobou o proxecto para a rehabilitación integral do barrio do Petón. Porén, cando xa se cumpre máis dun ano dende aquela publicación, o Executivo de Carlos Calvelo e a administración autonómica seguen sen abrir a oficina de xestión necesaria.
"A veciñanza atópase nunha total desinformación; ninguén lles explicou que actuacións se van facer na contorna nin que axudas ou subvencións poden solicitar para arranxar as súas vivendas", denuncian dende as filas socialistas.
Inseguridade nos parques: das navallas ás xiringas
Máis alá do urbanismo, Seco pon o foco nun problema crítico de seguridade viaria e convivencia e sinala que as advertencias que fixeron o pasado outono foron totalmente ignoradas polo Goberno local, o que provocou un agravamento da situación coa aparición de navallas en áreas infantís, como denuncian as familias da zona do parque infantil da rúa Valladolid, pero tamén problemas recorrentes no parque da Cega e na contorna do Meicende Concilia.
A veciñanza tamén alerta da aparición dunha edificación ocupada que funciona como punto de consumo de drogas no pasadizo xunto á Travesía de Meicende (fronte ao bar Deza), que está a encher a zona de xiringas co consecuente risco sanitario.
"Non podemos tolerar que Meicende se converta nun barrio esquecido e perigoso polo desinterese do Goberno local. Os veciños teñen dereito a que os seus fillos xoguen nos parques sen medo a atopar navallas ou xiringas. O alcalde non pode mirar para outro lado mentres os espazos públicos se degradan desta maneira; fai falta menos propaganda e máis policía e xestión", declara con firmeza o voceiro socialista.
Peticións urxentes ao Goberno Municipal
O Grupo Socialista esixe que o Concello actúe de inmediato en dúas liñas prioritarias: a activación do plan do Petón coa apertura inmediata da oficina informativa para asesorar á veciñanza sobre as subvencións de rehabilitación de vivendas; e un Plan de choque policial que intensifique de xeito permanente os controis e patrullaxe en Meicende para erradicar o novo punto de consumo das Eiras e garantir a seguridade nos parques públicos.

