Os socialistas esixen a Calvelo que cumpra a moción aprobada por unanimidade en xaneiro e denuncian á aparición de focos con máis de 30 gatos sen control en Freán ao tempo que lembran que o primeiro parque canino segue sen existir tras 12 anos de promesas incumpridas
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentou un rogo no pleno municipal para esixir ao goberno local do Partido Popular o cumprimento estrito e urxente dos acordos aprobados por unanimidade no mes de xaneiro relativos ao benestar animal e á convivencia cidadá coas mascotas. A formación denuncia que o executivo de Carlos Calvelo pecha o ano 2026 sen ter executado nin un só dos catro compromisos acadados na corporación.
O portavoz socialista, Martín Seco, lembra que o acordo plenario obrigaba ao Concello a poñer en marcha neste 2026 un Plan de Xestión de Colonias Felinas adaptado á Lei de Benestar Animal (método CER), a construción do primeiro parque canino, a actualización da ordenanza para esixir a limpeza de ouriños con auga xabonosa e unha campaña activa contra as feces na vía pública con posterior réxime sancionador.
Seco denuncia que a propaganda do Goberno municipal choca frontalmente coa realidade dos barrios e parroquias. "O PP anunciou que destinaría 160.000 euros a unha empresa privada para xestionar as colonias felinas, renunciando a asumilo dende o propio Concello, pero a realidade é que o descontrol segue a medrar. O caso recente de Freán, onde a veciñanza denunciou a aparición dunha colonia con máis de 30 gatos sen control sanitario nin esterilización, é só a punta do iceberg", sinalou.
O voceiro socialista fixo fincapé en que a situación non é aínda máis grave en Arteixo "grazas unicamente ao labor altruísta de persoas voluntarias e colectivos protectores que interveñen sen recursos nin cobertura municipal".
Doce anos de espera por un parque canino e rúas sen control
O PSOE censura tamén a parálise no ámbito da convivencia urbana. O concello segue sen un só parque canino pechado e adaptado, unha demanda que o Partido Popular promete de forma reiterada dende o ano 2014. Así mesmo, o Goberno local non actualizou a ordenanza municipal nin impulsou as campañas de concienciación e vixilancia para evitar a suciedade de ouriños e excrementos nas beirarrúas e espazos públicos.
"O respecto do PP polas iniciativas aprobadas no Pleno é nulo, incluso cando eles mesmos votan a favor. Deixaron pasar todo o ano 2026 sen mover un só papel, mentres a veciñanza sofre a falta de espazos para as súas mascotas e as rúas sofren a falta de medidas de limpeza e civismo", lamentou Martín Seco.
"Non se pode votar que si no Pleno para saír na foto do acordo e despois desentenderse durante dez meses. O PP anunciou 160.000 euros para as colonias felinas e temos focos de máis de 30 animais descontrolados en Freán; prometeron un parque canino en 2014 e en 2026 seguimos sen el. Esiximos a Carlos Calvelo que cumpra a lei de benestar animal, que apoie aos voluntarios e que execute de inmediato os acordos que el mesmo votou", insiste Seco.

