O PSOE de Arteixo esixe a Calvelo que reaccione ante o colapso dos buses da Xunta e negocie coa cidade da Coruña un transporte unificado

Os socialistas levan ao pleno as queixas veciñais sobre o transporte interubano e denuncian que Calvelo leva dous anos votando en contra de pedir responsabilidades á Xunta e negándose a negociar coa cidade herculina a unificación do servizo de bus

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentará unha moción no pleno ordinario deste mes para esixir ao Goberno local de Carlos Calvelo que rompa a súa submisión coa Xunta de Galicia e reclame solucións inmediatas ante a "continua saturación, retrasos e falta de prazas" nas liñas de autobús comarcal que conectan Arteixo coa Coruña. A iniciativa socialista propón ademais abrir unha negociación formal co Concello da Coruña e o executivo autonómico para constituír un ente conxunto que unifique o transporte público entre os os dous municipios limítrofes.

O portavoz socialista, Martín Seco, lembra que o PSOE leva dende agosto de 2024 alertando desta crise e reclamando expedientes de penalización para a empresa concesionaria polo reiterado incumprimento de horarios e frecuencias. Nese momento, o PP de Calvelo votou en contra asegurando que tiña un "compromiso" da Xunta que dous anos despois resultou ser inexistente.

Preto de 600 sinaturas veciñais contra o caos diario

Martín Seco pon o foco en que o descontento cidadán xa desbordou a paciencia dos usuarios, que veñen de organizar campañas dixitais de recollida de apoios que suman xa case 600 sinaturas. Os viaxeiros reclaman máis frecuencias en horas punta, reforzos reais para evitar que os buses pasen de longo ao ir cheos e unha adaptación urxente á demanda metropolitana real.

"Non se trata dunha esixencia partidista, senón do clamor diario de centos de traballadores, estudantes e maiores de Arteixo que chegan tarde aos seus postos de traballo ou ás súas clases porque os autobuses non cumpren horarios nin ofrecen prazas suficientes. O Partido Popular de Carlos Calvelo prefire defender as siglas da Xunta antes que aos seus propios veciños", critica o voceiro socialista.

Seco recrimina tamén ao alcalde que rexeitase no seu día a moción socialista que propoñía explorar un modelo de integración do transporte urbano co Concello da Coruña, a pesar da disposición mostrada polo goberno herculino para cooperar nun marco consorciado.

"Arteixo e A Coruña comparten unha realidade metropolitana incuestionable. Centos de veciños van e veñen a diario. Mentres outros concellos buscan fórmulas metropolitanas avanzadas, o PP de Arteixo vota en contra de sentarse a negociar e condena á nosa poboación a un servizo comarcal deficiente e anticuado", subliña o voceiro.

"O transporte público entre Arteixo e A Coruña é, xunto coa vivenda, a maior emerxencia que soportan as nosas familias. Levan dous anos dicíndonos que a Xunta o ía amañar e a realidade hoxe son colas interminables e máis de medio milleiro de veciños recollendo firmas. Esiximos a Calvelo que plante cara á Consellería e mostre dispoñibilidade inmediata para crear un servizo de transporte coordinado coa Coruña que responda ás necesidades reais da nosa comarca", manifesta o voceiro socialista, Martín Seco.

Siguiente
Siguiente

O PSOE urxe a Calvelo a fixar un calendario para mobilizar as 3.900 vivendas baleiras que ten Arteixo