O PSOE acusa ao goberno local de "pasividade" ante a alerta por seca e esixe coñecer o protocolo de consumo de auga en Arteixo

Os socialistas denuncian que o Concello e SUMARTE non puxeron en marcha ningunha medida de restrición nin campaña de concienciación tras o xullo máis cálido da historia

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo pediu explicacións ao Executivo do Partido Popular pola "total falta de medidas e campañas informativas" tras a declaración oficial de alerta por escaseza de auga decretada pola Xunta de Galicia. 

A formación socialista acusa ao alcalde, Carlos Calvelo, de responder cun "silencio preocupante" mentres o municipio enfronta os efectos dun dos períodos máis secos dos que se teñen rexistros e o voceiro socialista, Martín Seco, lembra que Galicia rexistrou o pasado mes de xullo as temepraturas máis altas dende que existen datos climatolóxicos oficiais, cunha precipitación acumulada de apenas 5 litros por metro cadrado (un 86% menor do habitual). Esta situación levou á administración autonómica a activar a alerta por seca nos sistemas hídricos que abastecen a concellos da contorna como Culleredo, A Laracha, Carballo e o propio municipio de Arteixo.

Incoherencia amosada pola empresa pública de xestión municipal SUMARTE. 

Tras a declaración da Xunta, a xerencia da entidade declarou nos medios de comunicación a necesidade de "estar preparados mediante protocolos para actuar progresivamente" e fixo un chamamento público á contención no consumo diario.

Porén, a realidade do día a día no municipio dista moito destas declaracións. "Transcorridos os días, o Concello de Arteixo non adoptou ningunha medida de restrición do consumo de auga nin puxo en marcha ningunha campaña didáctica ou informativa para a cidadanía, demostrando que os anuncios de SUMARTE eran pura propaganda para a foto", denuncian as filas socialistas.

"Non se pode dicir nos xornais que hai que estar preparados contra a seca e despois no Concello non mover un só dedo. Arteixo está oficialmente en alerta por escaseza de auga, pero o PP actúa coma se non pasase nada: non hai control do consumo municipal, non hai restricións en regos ou fontes e nin sequera se lle explica aos veciños como aforrar auga nas súas casas. Esiximos que o alcalde amose o protocolo do que presumen e actúe con responsabilidade antes de que sexa demasiado tarde", declarou o voceiro socialista, Martín Seco.

Ante a inacción do Goberno local e de SUMARTE, o PSOE esixiu respostas claras sobre cal é o protocolo real de actuación do Concello de Arteixo fronte á seca ao que se refería publicamente a xerencia de SUMARTE, e se houbo realmente medidas de control e restrición do consumo de auga nas instalacións, parques e servizos públicos municipais.

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo esixe que o goberno local dote de accesibilidade real aos areais do municipio