O PSOE de Arteixo denuncia a parálise do goberno local coa oficina de rehabilitación do Petón e reclama máis vixilancia nos espazos públicos de Meicende
Os socialistas denuncian que dez meses despois da aprobación do proxecto, a veciñanza segue sen información nin asistencia, mentres aumentan as queixas por problemas de convivencia nos parques do núcleo
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo cuestiona a “falla absoluta de avances” no proxecto de rehabilitación integral do barrio do Petón, aprobado pola Xunta de Galicia en febreiro tras anos de reclamacións veciñais e iniciativas do propio PSOE.
Dez meses despois da publicación oficial, o portavoz socialista, Martín Seco, denuncia que “nin Xunta nin Concello puxeron en funcionamento a oficina de rehabilitación”, unha ferramenta imprescindible para informar ás familias afectadas, asesorar sobre as melloras subvencionables nas vivendas e coordinar as actuacións previstas nos espazos públicos.
“É incomprensible que un proxecto desta importancia siga gardado nun caixón, mentres a veciñanza non sabe absolutamente nada do que se vai facer nin de como pode acceder ás axudas”, sinala Seco.
Ao mesmo tempo, o PSOE recolleu numerosas queixas da cidadanía polo deterioro da convivencia e a falta de vixilancia en varios espazos públicos de Meicende, entre eles o parque da Cega, a zona situada xunto ao Centro Cívico e o parque fronte ao Meicende Concilia.
“As familias queren usar estes espazos con tranquilidade, pero precisan seguridade e presenza municipal. Non pode haber zonas abandonadas á súa sorte”, afirman.
Por todo isto, o Grupo Socialista formulou no pleno dúas preguntas ao goberno local:
Cando se vai poñer en marcha a oficina de rehabilitación do Petón e se o Concello ten previsto realizar unha campaña informativa para explicar tanto as actuacións públicas como as obras privadas que poden optar a subvención?
É coñecedor o goberno local dos problemas de convivencia e seguridade nos parques de Meicende, e pensa reforzar a vixilancia nestas zonas utilizadas por nenos, maiores e familias?
O PSOE de Arteixo insta o goberno municipal a deixar de mirar para outro lado e a asumir a súa responsabilidade: impulsar a rehabilitación prometida e garantir espazos públicos seguros e dignos para toda a veciñanza de Meicende.

