Os socialista arteixáns alertan da situación insostible nos centros de saúde e reclaman máis persoal médico para garantir unha atención sanitaria digna
Martín Seco denuncia que conseguir unha cita de atención primaria en Arteixo segue a ser unha misión imposible e pide ao goberno local que esixa á Xunta cubrir as prazas vacantes.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo volveu denunciar no pleno municipal a grave situación que atravesan os centros de saúde do concello pola falla de profesionais de atención primaria, que provoca listas de espera inasumibles e deixa a moitos pacientes sen poder acceder ao seu médico de cabeceira en prazos razoables.
O portavoz socialista, Martín Seco, lembrou que “durante o verán houbo centros como o de Vilarrodís que quedaron varios días sen ningún médico, o que provocou que moitas persoas nin sequera puidesen renovar unha baixa laboral”. Engadiu que, “lonxe de mellorar, a situación continúa, con veciños e veciñas que teñen que agardar ata 15 días por unha consulta”.
O PSOE de Arteixo considera “intolerable” que o goberno local e o Partido Popular den por boas as escusas da Consellería de Sanidade e ignoren as queixas da cidadanía. “Non se pode normalizar que a atención primaria teña listas de espera como as especialidades; a veciñanza de Arteixo merece un servizo digno e inmediato”, insistiu Seco.
O grupo socialista reclama ao goberno municipal que esixa á Xunta de Galicia cubrir de inmediato as prazas vacantes de médicos de atención primaria e que defenda ante o SERGAS unha atención sanitaria pública de calidade, “porque a saúde non pode esperar”.

