Os socialistas esixen un informe técnico neste trimestre e a creación dunha comisión a comezos de 2027 para que o Plan Municipal de Vivenda aprobado non quede en papel mollado
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo levará ao pleno ordinario deste mes unha nova moción para esixir ao goberno local de Carlos Calvelo que execute sen demora o acordo acadado na anterior sesión plenaria e poña en marcha un calendario inmediato para o Plan Municipal de Vivenda. A formación socialista pon o foco na necesidade de actuar sobre as 3.918 vivendas baleiras rexistradas polo INE no concello para frear a asfixia dos prezos de compravenda e alugueiro.
O portavoz socialista, Martín Seco, sinala que, tras anos de rexeitamento sistemático ás propostas da oposición, o Partido Popular votou por primeira vez a favor da iniciativa socialista para elaborar un Plan Municipal de Vivenda que incentive a saída ao mercado dos pisos desocupados con garantías para os propietarios e prezos asumibles para os veciños.
Martín Seco advirte que esa votación favorable non pode reducirse a unha simple "declaración de boas intencións" para saír do paso ante a presión cidadá. "O PP de Arteixo admitiu por fin o que levamos anos dicindo: que o Concello ten ferramentas e capacidade para intervir e mellorar a oferta de vivenda no municipio. O que non imos permitir agora é que este acordo quede esquecido nun caixón mentres os prezos seguen disparados e as familias non atopan onde vivir", subliñou Seco.
Para garantir que o plan sexa unha realidade operativa, o PSOE propón unha folla de ruta con datas límite: elaborar durante este próximo trimestre unha radiografía técnica municipal sobre o estado real da vivenda baleira e a demanda existente, e constituír no primeiro trimestre de 2027 unha mesa de traballo con todos os axentes implicados.
Incentivos, seguridade e mobilización de inmobles
Martín Seco defende que mobilizar unha porcentaxe representativa dos case 4.000 pisos pechados transformaría o mercado local sen ter que agardar anos a novas promocións de obra nova. "É absurdo ter case 4.000 vivendas desocupadas nun concello cun crecemento demográfico e industrial tan potente como Arteixo. Hai que ofrecerlles aos propietarios seguridade xurídica e axudas para sacar as súas vivendas ao mercado con prezos razoables, ao tempo que se estudan medidas que desincentiven manter os pisos pechados. O Concello ten que liderar esta estratexia xa", sinalou o voceiro.
"O acceso a un teito digno é a primeira preocupación de mozos e familias en Arteixo. Conseguimos que o PP recoñecese a urxencia do problema e aprobase a nosa proposta, e agora toca pasar das palabras aos feitos. Esiximos un informe técnico antes de rematar o ano e a posta en marcha da comisión de vivenda a comezos de 2027 para devolverlle a case 4.000 vivendas baleiras a súa función social", declarou o voceiro socialista, Martín Seco.

