O PSOE de Arteixo esixe desbloquear a rexeneración do barrio das Eiras en Meicende, paralizada polo PP dende 2018

Os socialistas lembran que o goberno local  ten vía libre legal e reclaman rematar as obras nas rúas Ecuador e Travesía de Meirás tras oito anos de abandono.

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo instou  ao executivo do Partido Popular á reanudación inmediata das obras de rexeneración e urbanización no barrio das Eiras, no núcleo de Meicende. A formación denuncia que, tras oito anos de parálise e promesas incumpridas, o alcalde, Carlos Calvelo, mantén este espazo sumido no esquecemento malia non existir xa ningún tipo de traba ou xustificación legal para continuar co proxecto.

Os socialistas consideran "inadmisible" que un plan anunciado aos catro ventos  en 2017 para transformar unha zona degradada e afectada pola venda de drogas fose abandonado á metade polo Goberno local ao primeiro obstáculo xudicial.

Oito anos de espera en Meicende sen xustificación legal

O PSOE lembra que o proxecto inicial contemplaba o derrubo de varias edificacións sen uso, a apertura e construción de beirarrúas para eliminar tapóns viarios, e a dotación dunha iluminación e visibilidade axeitadas nas rúas Ecuador e na Travesía de Meirás. Porén, despois de iniciar os traballos en 2018, unha denuncia dun dos propietarios afectados polo proceso expropiatorio serviu de escusa á alcaldía para paralizar de golpe toda a actuación.

A confirmación o mes pasado da petición de execución de sentenza daquel litixio pecha definitivamente o ciclo xudicial. Para o grupo socialista, o Goberno do PP carece hoxe de calquera argumento técnico ou legal para non retomar os traballos de xeito inmediato."A veciñanza de Meicende leva oito anos soportando rúas a medio facer, problemas de convivencia e a frustración de ver como un anuncio estrela do PP quedou en nada en canto apagaron os focos da prensa", denuncian o voceiro socialista, Martín Seco.

"En 2017 o alcalde vendeu a rexeneración das Eiras como a gran solución para Meicende, pero a realidade de 2026 é que deixou as rúas empantanadas e aos veciños esquecidos. Xa non hai pretexto legal que valga nin litixios pendentes. O PP ten a obriga de poñer os recursos necesarios para rematar as beirarrúas nas rúas Ecuador e Travesía de Meirás, mellorar a luz e darlle a Meicende o barrio seguro e digno que se merece dende fai case unha década", declara Seco.

Diante da falta de iniciativa do Partido Popular, o PSOE esixe ao Goberno local a adopción da reanudación inmediata dos traballos e que o Concello de Arteixo dote de partida orzamentaria e reative de forma urxente o proxecto de rexeneración urbana do barrio das Eiras, completando o derrubo de inmobles, a execución de beirarrúas e a mellora do alumeado público en Meicende. 

Siguiente
Siguiente

O PSOE cualifica de "escusa impresentable" que o Concello culpe aos clubs da cancelación do torneo de Chave no Apóstolo