Os socialistas censuran ao goberno local por dicir no Pleno que "os clubs non se puxeron en contacto", tras 30 anos de torneo organizado polo propio Municipio.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo amosou a súa "estupefacción" ante as explicacións ofrecidas polo Executivo do Partido Popular no Pleno ordinario para xustificar a cancelación do Torneo de Chave Santiago Apóstolo. A formación liderada por Martín Seco tildou de "escusa impresentable" a resposta da concelleira Inés Ramos quen afirmou que a proba non se celebrara porque "os clubs non se puxeron en contacto co Concello".
Dende o PSOE consideran "indecoroso" que o executivo de Carlos Calvelo pretenda eludir a súa responsabilidade e pasarlle a carga de traballo e a culpa ás entidades deportivas tradicionais do municipio.
O voceiro socialista lembrou que o Campionato de Chave do Apóstolo suma máis de 30 edicións de historia como un evento organizado e financiado directamente polo Concello de Arteixo no marco das festas patronais.
"Pretender que agora sexan os veciños e os clubs de chave quen teñan que ir á Casa do Concello a pedir por favor que se organice unha proba que leva trinta anos no programa oficial é a proba evidente da parálise, a desidia e a falta de xestión do PP", denuncian dende a formación socialista.
A maiores, o PSOE salienta a incoherencia do argumento municipal: se a responsabilidade fose da falta de contacto, o Concello non tería eliminado de golpe toda a programación deportiva das festas patronais deste ano, unha decisión tomada de forma unilateral dende os despachos do goberno local.
"A resposta da concelleira no Pleno é unha falta de respecto á intelixencia da veciñanza. Despois de máis de tres décadas organizando o torneo dende o Concello, a escusa para tapar a súa falla de traballo é dicir que os clubs non chamaron á porta? O traballo dunha concellaría de Deportes é dinamizar, chamar aos clubs e coordinar os torneos, non sentarse a esperar mentres se cargan as nosas tradicións. É lamentable que os clubs de Suevos e Pastoriza teñan que darlle unha lección de dignidade á concelleira organizando un partido pola súa conta", sentenciou Martín Seco.
Esixencia de compromiso para 2027
Diante da "falta de argumentos" amosada polo PP na sesión plenaria, o Grupo Socialista esixe o compromiso de que o torneo de chave será recuperado, financiado e promocionado pola administración local no vindeiro exercicio de 2027, garantindo o apoio institucional que merece este deporte tradicional.

