O PSOE de Arteixo insta ao concello a abrir a oficina de turismo todo o ano
Os socialistas tamén demandan políticas turísticas para potenciar o patrimonio histórico e natural do municipio
O grupo municipal socialista de Arteixo preguntoulle ao goberno local cales son as políticas turísticas do concello ante a inexistencia de proxectos para potenciar o patrimonio histórico e natural do municipio.
O portavoz socialista, Martín Seco, argumenta que dende a chegada do goberno de Carlos Calvelo no ano 2011, “foron moitos os anuncios e actuacións sen éxito” que non fomentan a chegada de turismo ao municipio, “un turismo que sería moi beneficioso para o noso tecido comercial e hostaleiro que necesita de actuacións que apoien a súa actividade económica”.
Os socialistas arteixáns indican que o concello é coñecido pola súa actividade industrial e infraestruturas de importancia a nivel estatal, pero “tamén ten un gran patrimonio histórico e natural que merece ser posto en valor pola administración local para a chegada de turismo de calidade”.
Martín Seco denuncia que “un suposto proxecto de turismo industrial caeu no esquecemento” e que a oficina de turismo está pechada case todo o ano,“esperando fondos doutras administracións para ter persoal para a súa apertura”. Ademáis indica que hai “unha chea de bandeiras azuis en areais que carecen de servizos, con augas contaminadas e mobiliario en mal estado”,.
“Esta podería ser unha foto das políticas de Calvelo nesta materia” remata o voceiro socialista, que indica que a veciñanza merece algunha explicación sobre as políticas turísticas “inexistentes” do concello de Arteixo, ao tempo que pregunta se o goberno local ten pensado ter unha oficina de turismo aberta durante todo o ano para informar aos que se achegan a coñecer o municipio.