Os socialistas de Arteixo demandan un mantemento axeitado da fonte de A Cachada
Tanto a fonte como o lavadoiro presentan habitualmente un estado deficiente con moita suciedade e dificultade para o acceso.
O grupo municipal socialista de Arteixo ven de presentar un rogo para pedirlle ao goberno local actuacións de mellora na fonte de A Cachada.
O portavoz socialista, Martín Seco, explica que “a fonte é un lugar moi visitado pola veciñanza deste núcleo do concello para recoller auga para utilizar nas súas vivendas” pero denuncia que o seu mantemento e facilidade de acceso son moi deficientes, “ademais de non ter algún lugar onde poder estacionar os vehículos”.
Os socialistas recoñecen que “ante as nosas peticións, houbo unha pequena actuación para desatascar o lavadoiro” que consideran insuficiente, porque o que se precisan son solucións para evitar o deterioro de forma permanente.
O portavoz socialista sinala que “habitualmente para poder coller auga, non se pode baixar ata o lavadoiro ao estar cheo de auga que chega ata os xeonllos” polo que reclaman novamente o acondicionamento da fonte para que sexa de utilidade á veciñanza deste núcleo do concello e que se prepare un lugar para poder estacionar os vehículos con seguridade.