O PSOE de Arteixo pide medidas urxentes ante o cambio de postura do goberno local cos problemas de ruído que impiden o descanso da veciñanza
Tras meses de presión socialista e denuncias veciñais, o concelleiro de Urbanismo comprométese a elaborar unha ordenanza de ruído, establecer zonas tensionadas e medidas de control, pero o PSOE esixe prazos e concrecións.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo celebra o cambio de postura do goberno local do Partido Popular ante unha problemática que leva meses afectando á convivencia veciñal: a ausencia de regulación clara e medios para controlar o ruído xerado por certas actividades molestas dentro de edificios residenciais.
Durante o último pleno, o concelleiro de Urbanismo anunciou a redacción dunha ordenanza de ruídos, a declaración de zonas tensionadas e mecanismos de control que poñan límite aos ruídos e horarios de apertura de actividades molestas. Esta medida chega despois de meses de demandas por parte do PSOE de Arteixo e das denuncias dunha comunidade de veciños afectada pola actividade dunha academia de baile situada na rúa Cidade de Buenos Aires, que actualmente pode operar ata ás dúas da madrugada durante a semana.
Ademais, o executivo anunciou que prevé instalar equipos de control e regulación dos emisores sonoros en espazos como a citada academia e dotar ao persoal municipal de equipos de medición e da formación necesaria para actuar ante chamadas por ruído excesivo en vivendas.
O portavoz do grupo socialista, Martín Seco, lembra que ese anuncio chega logo de meses de insistencia dos socialistas e dun reforzo institucional por parte de autoridades como a Valedora do Pobo, e que “a aplicación práctica das novas medidas é crucial”. Reclaman respostas claras para o calendario de tramitación da ordenanza, da concreción das zonas tensionadas previstas e criterios de delimitación, e sobre a dotación e uso de sonómetros, formación do persoal e comezo efectivo dos controis.
“Consideramos positivo este xiro na postura do goberno, pero advertimos de que as medidas anunciadas non poden seguir adiándose no tempo”, insiste Seco. “A veciñanza de Arteixo necesita descansar, e tamén é imprescindible garantir un marco normativo xusto para aqueles empresarios e autónomos que si cumpren coas normas”, porque en palabras do portavoz socialista “non serve de nada anunciar normas se pensamos en seguir facendo oídos xordos cando a veciñanza denuncia noites sen descanso”.
O PSOE de Arteixo comprométese a seguir vixiando a evolución do proceso, trasladar as demandas da cidadanía e garantir que no concello se faga cumprir o dereito ao descanso e convivencia.