O PSOE de Arteixo esixe un estudo técnico e solucións reais para garantir o futuro das praias afectadas polo porto exterior
Os socialistas reclaman ao goberno local que inste á administración competente a acometer as infraestruturas necesarias para protexer os areais e as súas dunas
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo reclama ao goberno local que dea un paso máis alá da retirada de pedras e os recheos de area e esixa formalmente un estudo técnico e rigoroso á Dirección Xeral de Costas para analizar e propoñer infraestruturas que freen a destrución progresiva das praias do municipio, como consecuencia do impacto do porto exterior de Punta Langosteira.
O portavoz do grupo municipal socialista, Martín Seco, lembra que os socialistas “levan anos presentando emendas aos orzamentos do Estado” para solicitar os investimentos necesarios que mitiguen os efectos da modificación das correntes mariñas do enorme dique do porto, que está a provocar o deterioro de areais como O Relojero, Valcovo, Repibelo e Barrañán, así como das súas valiosas dunas.
Os socialistas consideran que a actuación de Costas non pode limitarse aos movementos de area e retirada de pedras, denuncia Seco, “medidas que, como se comproba ano tras ano, resultan insuficientes”. “É o momento de apostar por solucións serias e duradeiras que permitan preservar o noso patrimonio natural e garantir o uso e goce das praias polas futuras xeracións”, sinalan desde o grupo municipal.
Por iso, o PSOE preguntoulle ao goberno local se o Concello ten solicitado formalmente á Dirección Xeral de Costas a realización dese estudo técnico e a posta en marcha de infraestruturas que garantan o futuro dos areais do municipio.
“O PSdeG-PSOE continuará traballando para que Arteixo teña un litoral protexido e compatible coa actividade portuaria”, insiste Seco.