O PSOE de Arteixo reclama a legalización inmediata do núcleo de Suevos tras máis dunha década de promesas incumpridas

Denuncian a falta de vontade política do goberno local para avanzar na regularización dun núcleo histórico mentres a industria da zona si obtén facilidades

O grupo municipal do PSdeG-PSOE en Arteixo ven de presentar  unha moción conxunta cos outros grupos da oposición para instar ao goberno local do PP a finalizar de maneira inmediata a legalización do núcleo do Porto de Suevos, unha demanda histórica da veciñanza que leva máis de doce anos en situación de alegalidade e sen acceso pleno a servizos básicos.

A iniciativa recolle as reivindicacións da Asociación Veciñal San Pancracio de Suevos desde o ano 2012, cando comezou o proceso para regularizar un núcleo que como indica o voceiro socialista, Martín Seco, “leva soportando ameazas de derrubos, sancións coercitivas e a falta de infraestruturas públicas como a rede de sumidoiros ou abastecemento de auga”.

Durante este tempo, diversas vivendas foron derrubadas sen que o Concello dera pasos firmes cara á solución. “Paradoxalmente, neste mesmo período foron legalizadas varias  industrias situadas no mesmo contorno” lembra Seco.

O voceiro socialista insiste en que a situación actual é, segundo se denuncia na moción, peor que en 2012, con “menos vivendas, máis residentes con menores e unha maior presión por novos proxectos industriais que se proxectan na contorna”.  A oposición critica que se priorice a instalación e legalización de novas infraestruturas económicas mentres se ignoran os dereitos básicos da poboación residente.

A moción tamén lembra que en 2021 o propio alcalde prometeulle á veciñanza que nese ano terían o núcleo legalizado, e que en outubro de 2024 o propio Concello anunciou que a Xunta de Galicia dera o visto bo á modificación normativa necesaria para a legalización dos cinco núcleos costeiros de Arteixo, entre eles Suevos. Porén, “en maio de 2025 seguimos sen ningún avance efectivo, mantendo á veciñanza nun limbo legal e urbanístico”.

Por todo isto, os tres gurpos da oposición reclaman que o Goberno Municipal finalice con axilidade o proceso de legalización do núcleo de Suevos, e que se dote á zona dos servizos municipais esixibles, garantindo os mesmos dereitos que o resto da veciñanza de Arteixo.

Seco afirma que “legalizar Suevos é unha cuestión de xustiza, dignidade e equidade”, por iso na moción presentada “instamos ao alcalde a deixar de dilatar a solución”, porque insiste o portavoz socialista, “a paralizacion deixa indefenso ao núcleo veciñal ante as ameazas industriais e non sabemos, despois da posición do alcalde cos eólicos, se será unha demora premeditada”.

Anterior
Anterior

O PSOE de Arteixo propón avanzar en medidas para reforzar os servizos para persoas con diversidade funcional

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo esixe unha actuación urxente na Avenida da Praia ante o seu estado de abandono