O PSOE de Arteixo propón avanzar en medidas para reforzar os servizos para persoas con diversidade funcional

Os socialistas reclaman que o Concello deixe de mirar para outro lado e impulse iniciativas reais para garantir inclusión, autonomía e conciliación ás familias afectadas

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo defenderá unha moción no Pleno co obxectivo de dar un paso adiante na atención ás persoas con diversidade funcional no municipio. A proposta insta ao goberno local a deseñar e poñer en marcha proxectos que melloren a calidade de vida deste colectivo e das súas familias.

O portavoz socialista, Martín Seco, explica que a moción parte dunha realidade que contrasta co discurso oficial: “mentres o Concello presume de investimento social, moitas familias con membros con diversidade funcional vense obrigadas a desprazarse a outros municipios” como Carballo, A Coruña, Oleiros ou mesmo Santiago para acceder a servizos esenciais, ben en centros de día ou en centros especiais de emprego. “Esta situación non só xera custos económicos, senón tamén dificultades de conciliación laboral e familiar” indica Seco.

Os socialistas denuncian que “a día de hoxe, o Concello colabora con entidades como APEM e ADADECO”, pero a realidade demostra que esas iniciativas son claramente insuficientes para atender a demanda existente.

Desde o PSOE lembran que xa nos seus programas electorais de 2019 e 2023 incluían a creación dun Centro Especial de Emprego en Arteixo, “unha infraestrutura que permitiría traballar o desenvolvemento das capacidades persoais, sociais e laborais das persoas con diversidade funcional, promovendo a súa inclusión real”.

O Grupo Socialista insiste en que o traballo coas familias con membros con diversidade funcional e entidades xa existentes e de nova creación como a asociación INCLUART “representan unha oportunidade para canalizar este tipo de proxectos desde o coñecemento e a proximidade”, e propón que o goberno local estableza unha liña directa de colaboración para activar medidas efectivas e con perspectiva de futuro.

Martín Seco insiste en que  “unha sociedade só é xusta e cohesionada cando non deixa atrás a ninguén. A igualdade de oportunidades tamén se constrúe desde o ámbito local”.

Anterior
Anterior

Os socialistas de Arteixo presentan unha moción institucional en defensa dos dereitos humanos e o cesamento da violencia en Gaza

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo reclama a legalización inmediata do núcleo de Suevos tras máis dunha década de promesas incumpridas