O PSOE de Arteixo reclama un plan de humanización do centro urbano

O portavoz socialista no Concello, Simón López, denuncia “a incapacidade do PP” para completar a urbanización dalgunhas rúas e ofrecer solución aos problemas de aparcadoiro e mobilidade.

Representantes do PSdeG-PSOE de Arteixo na contorna da rúa Ría de Vigo

Simón López, Charo Figueiras, Carlos Añón e Luis Carlos Vázquez.

Os problemas de tráfico e a escaseza de prazas de aparcadoiro concentran boa parte das queixas que a veciñanza de Arteixo adoita trasladarlle ás concelleiras e concelleiros do PSdeG-PSOE. O propio plano da vila, con rúas estreitas de trazado desordenado, supón un obstáculo, pero os problemas vense agravados, en opinión do portavoz socialista Simón López, “pola incapacidade do PP de Carlos Calvelo para completar a urbanización de boa parte do centro urbano”, particularmente na contorna da Praza das Viñas e a rúa Ría de Vigo. Descampados, beirarrúas estreitas e camiños a medio asfaltar definen a paisaxe urbana desta área.

O desenvolvemento da Unidade de Actuación 49, na contorna do Centro de Día, suporá a urbanización dalgunhas das parcelas abandonadas, pero o Grupo Municipal Socialista defende a necesidade de poñer en marcha un plan de humanización máis amplo “que dea solución aos actuais problemas de mobilidade e mellorar a calidade dos espazos urbanos”, tal como indica Simón López. Defende, ademais, que este plan debería ir acompañado dunha reorganización do tráfico e unha ordenación das prazas de estacionamento, habilitando parcelas baldías e axeitando aquelas que moitos condutores empregan como aparcadoiros informais.

López denuncia que “en moitas zonas do centro urbano, a convivencia entre vehículos e peóns faise moi difícil” pola estreiteza de beirarrúas ou mesmo a súa ausencia, o que obriga ás persoas a camiñar pola calzada. O portavoz socialista lamenta “a nefasta xestión urbanística do PP nestes 11 anos de maiorías absolutas” e pon como exemplo o fracaso de Carlos Calvelo á hora de aprobar un Plan Xeral. “Despois de liquidar o anterior contrato, comprometérase a sacar un novo a licitación antes de que acabara 2021, pero nada máis se soubo”. Na súa opinión, “esta situación só beneficia aos especuladores”.

Anterior
Anterior

O PSOE propón un sistema de orzamentos participativos para o Concello de Arteixo

Siguiente
Siguiente

O PSdeG-PSOE oponse ao cambio de emprazamento proposto para o novo centro social de Vilarrodís