O PSOE denuncia máis dun ano de atraso nas obras de ampliación do IES Pastoriza de Arteixo
Os socialistas manifestan que se inicia un novo curso escolar sen que esté rematado o novo aulario de 2,1 millóns de euros, prometido para xullo de 2025
Imaxe publicada pola Xunta de Galicia en 2024
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo esixiu explicacións ao Goberno de Carlos Calvelo e á Consellería de Educación pola "incrible paralización e eiva de xestión" que sofren as obras de ampliación do IES A Pastoriza. A formación alerta de que o proxecto, anunciado a bombo e prato no ano 2024 cunha inversión superior aos 2,1 millóns de euros, acumula xa máis dun ano de demora con respecto á data oficial de entrega.
O PSOE lembra que o propio conselleiro de Educación e o alcalde de Arteixo anunciaron a previsión de que os case 1.500 m² de novas instalacións (10 aulas e espazos comúns) estivesen listos e en funcionamento para o comezo do curso 2025/2026, fixando a entrega da obra para o mes de xullo de 2025.
Pero a realidade para a comunidade educativa do IES Pastoriza é moi diferente á prometida polo Partido Popular. A obra non só non se entregou a tempo para o curso pasado, senón que volve arrancar o curso 2026/2027 sen que os alumnos e profesores poidan utilizar o novo aulario.
O voceiro socialista, Martín Seco, puxo o foco no feito de que a empresa adxudicataria destas obras parece ser a mesma que xa executou con "graves atrasos e enormes inconvenientes" a recente reforma do IES Manuel Murguía.
"O PP volve caer nos mesmos erros de xestión. Sabían dos antecedentes e dos problemas que se deran noutros centros do concello e, aínda así, permitiron que a ampliación do IES Pastoriza acumule máis de doce meses de atraso sen esixir responsabilidades nin dar ningunha explicación ás familias", denunciou Martín Seco.
Dende as filas socialistas fan fincapé no contraste entre a "propaganda institucional" do goberno galego e do executivo local e os prexuízos reais que soporta o alumnado de secundaria de Arteixo, que segue privado de novos espazos pedagóxicos e melloras de accesibilidade.
"Carlos Calvelo e a Consellería viñeron a Arteixo a vender a foto do novo aulario como exemplo de compromiso co dinamismo demográfico do noso concello. A realidade hoxe é que levamos dous cursos escolares perdidos e máis dous millóns de euros de diñeiro público nunha obra eternizada. O alcalde ten que dar a cara, dicir aos veciños que está a pasar e esixir á Xunta que remate de inmediato a ampliación do IES Pastoriza", declarou o voceiro socialista, Martín Seco.
Ante o silencio do Partido Popular e a incerteza que vive a comunidade educativa do centro, o PSOE demanda saber que sucede para que non se finalicen as obras de ampliación do IES Pastoriza, que tiñan como data oficial de entrega o mes de xullo de 2025.

