O PSOE esixe reparar de urxencia o baño adaptado do Centro Cívico de Arteixo
Os socialistas denuncian que a instalación leva meses sen tapa nin asento, o que impide o seu uso a persoas con mobilidade reducida e maiores.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo rexistrou un rogo dirixido ao Executivo de Carlos Calvelo para esixir o arranxo inmediato do baño adaptado para persoas con discapacidade situado no Centro Cívico de Arteixo. A formación, a través do seu voceiro Martín Seco, presentou esta iniciativa tras recadar as queixas de veciños e usuarios da instalación pública.
Seco explica que o aseo se atopa inutilizable dende hai meses por carecer de tapa e asento, unha falta elemental de mantemento que supón unha barreira para persoas maiores ou con problemas de mobilidade.
"Resulta incomprensible que o Concello manteña durante meses un baño adaptado totalmente fóra de servizo nun dos edificios municipais máis concorridos. Non é un problema de orzamento, é unha falta absoluta de atención aos detalles máis básicos e ás necesidades das persoas con discapacidade", criticou o voceiro socialista, Martín Seco.

